O programa municipal comezará a funcionar de maneira gradual a partir deste luns 5 de outubro e seguirá medrando nas parroquias ao longo do curso 2026-27
Remocea inicia este luns un novo curso cun total de 1.907 solicitudes nas distintas actividades de envellecemento activo promovidas polo Concello de Carballo. A cifra reflicte a elevada participación no programa municipal, no que unha mesma persoa pode solicitar máis dunha actividade e no que destacan especialmente o exercicio físico para maiores, con 631 participantes, os obradoiros de memoria, con 302 solicitudes, a formación no uso do móbil, con 197, os arranxos florais, con 174, e a nova actividade de Corpo e Calma, con 148.
A oferta complétase con 100 solicitudes para macramé, 99 para cestaría, 72 para pequenos arranxos domésticos, 61 para restauración e mantemento de mobiliario, 42 para coiro e 41 para reparacións domésticas de carpintaría. A estas actividades súmanse as 40 persoas usuarias da Escola de Informática.
A programación comezará de maneira gradual a partir deste luns 5 de outubro. Ese día arrancarán os grupos de macramé de Ardaña e Carballo, a Escola de Informática e os grupos de exercicio físico correspondentes á xornada do luns. O resto das propostas iranse incorporando progresivamente ao longo das próximas semanas e dos próximos meses, xa que a duración de cada actividade será diferente.
Un dos eixos principais de Remocea seguirá sendo a estimulación cognitiva. Os obradoiros de memoria, que este ano contabilizan 302 solicitudes, comezarán no mes de xaneiro e a intención municipal é que poidan desenvolverse en todas as parroquias nas que exista demanda suficiente. Esta descentralización permitirá achegar a actividade ás persoas maiores e reducir os desprazamentos. En Rus, por exemplo, está previsto que en 2027 funcionen dous grupos diferenciados, un na zona baixa e outro na zona alta da parroquia, en resposta á elevada participación.
Tamén continúa medrando o Programa de Exercicio Físico para Maiores, dirixido ás persoas de máis de 65 anos. A relación oficial para o curso 2026-2027 inclúe 631 participantes, distribuídos entre grupos no núcleo de Carballo e nas parroquias de Sofán, Verdillo, Cances, Entrecruces, Imende, Noicela, Razo, Rus, Oza, Artes, Sísamo, Ardaña, Lema e Aldemunde. A vontade do Concello é seguir ampliando tamén esta rede de actividade física. De cara ao próximo ano está previsto estender o programa a outras parroquias nas que xa se detectou demanda, reforzando así un dos obxectivos centrais de Remocea: que as persoas maiores poidan participar nas actividades o máis preto posible do seu lugar de residencia.
A elevada resposta acadada por propostas como Corpo e Calma, que se incorpora este curso como novidade, ou polos obradoiros especializados confirma tamén o interese por diversificar a programación. Neste sentido, as actividades lúdico-formativas serán máis específicas e estarán impartidas por profesionais de cada especialidade, adaptando finalmente a configuración dos grupos á demanda, á dispoñibilidade de profesorado e aos recursos existentes.
Remocea consolídase así como un programa integral de envellecemento activo, no que conviven o exercicio físico, a estimulación cognitiva, a aprendizaxe dixital, o benestar persoal e as actividades creativas e prácticas, cunha aposta cada vez maior pola descentralización cara ás parroquias e pola adaptación da oferta aos intereses das persoas maiores.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.