Sunday 04 de October de 2026

Finalizan os traballos para a mellora do drenado da ribeirense praza de España nos días de chuvia


 Concello e Viaqua centraron a intervención na canalización das pluviais durante algo máis de tres meses

As chuvias provocaban moitas veces grandes balsas de auga na praza de España, o que se traducía en que algunhas zonas quedasen intransitables. Unha situación que agora xa queda no pasado despois de que o goberno municipal de Ribeira apostase por darlle solución, de aí que o Concello e Viaqua traballasen man a man na mellora deste espazo público mediante o seu drenado para o inicio da época de outono-inverno.

En consecuencia, ao longo de máis de tres meses, procedeuse coa desmontaxe, limpeza e reparación de tódalas reixas e imbornais da praza; selado das fendas existentes nas arquetas de recollidas de augas pluviais; limpeza e impermeabilizado das baixantes verticais que unen os imbornais coas canalizacións horizontais colgadas polo teito do parking subterráneo; desmontaxe e substitución total de tódalas liñas secundarias de augas pluviais suspendidas polo teito, por tubo sanitario de maior diámetro que as existentes. Tamén se efectuou o replantexo e novo trazado de liñas, corrixindo problemas de pendentes, así como a desmontaxe e limpeza do colector xeral de recollida de augas pluviais que descarga na rede pública.

O concelleiro de Auga e Saneamento, Vicente Reiriz, refírese “á complexidade destes traballos que redundaron nunha duración superior aos tres meses para así desenquistar un problema xa habitual en dito espazo público que se intensificaba durante os meses de outono e inverno por mor da climatoloxía.” Con esta intervención, o edil manifesta que “a praza poderá volver a ser transitada na súa totalidade nos días de chuvia e reducirase o peso das balsas de auga sobre o aparcamento subterráneo que hai xusto debaixo.” Trátase, en palabras de Reiriz, dunha “actuación encamiñada a mellorar a calidade de vida da cidadanía de Ribeira no seu día a día, así como o estado das nosas infraestruturas, especialmente agora que comeza o outono.”

Deja un comentario