Sunday 04 de October de 2026

O BNG de Culleredo propón priorizar a persoas formadas no Centro de Formación Pablo Picasso para as novas prazas do servizo de limpeza viaria


– O BNG pide que na cobertura das cinco novas prazas do servizo de limpeza viaria se prioricen persoas formadas no Centro de Formación Pablo Picasso.

– A proposta busca valorar o esforzo formativo e converter a cualificación en oportunidade laboral real, especialmente para colectivos especialmente vulnerábeis e con dificultades de empregabilidade.

– O BNG ten pedido reiteradamente a contratación con Centros Especiais de Emprego naqueles naqueles casos admitidos por lei como son os servizos de limpeza e de xardinería.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Culleredo propuxo no último pleno ao equipo de goberno municipal que as cinco novas prazas de traballo incluídas no contrato de limpeza viaria —adxudicado á empresa Valoriza— sexan ofrecidas con carácter preferente ás persoas que completaron formación no Centro de Formación Pablo Picasso. A iniciativa ten como obxectivo facilitar o acceso ao emprego dunha poboación especialmente vulnerable, moitos deles de difícil empregabilidade e en risco de exclusión laboral.

O voceiro municipal do BNG, Tono Chouciño, lembrou que o grupo nacionalista propuxo en reiteradas ocasións ofertar os contratos de limpeza a centros especiais de emprego, de xeito a promover a contratación de persoas vulnerábeis ou con discapacidades certificadas polos equipos de valoración oficiais. “Esta proposta é unha oportunidade para avanzar na inclusión laboral de colectivos que teñen máis dificultades para atopar traballo, e sería un exemplo de como a formación pode ser unha ponte cara ao emprego”, sinalou Chouciño.

A proposta foi formulada ao goberno municipal, que se comprometeu a valorala. Para o BNG, esta posibilidade supón un avance na integración laboral de persoas que xa teñen unha cualificación básica obtida nun centro de formación municipal, e necesitan unha oportunidade para dar un paso adiante e acadar un emprego.

Deja un comentario