O Concello de Neda destinará unha parte dos fondos adicionais do Plan único (POS + 2026) da Deputación para acometer a mellora da rúa Xeneral Morgado, principal acceso ao casco histórico da vila. As obras de pavimentación completarán a posta a punto da estrada na que, a comezos de verán, se levou a cabo a reordenación do tráfico para mellorar a seguridade.
Cumprindo o avanzado meses atrás polo alcalde, Ángel Alvariño, a administración local prevé reservar parte destes fondos provinciais a mellorar unha das vías que soportan máis tránsito de vehículos do centro urbano. Unha rúa que presenta un estado de conservación deficiente por mor dese intenso uso e máis do paso do tempo.
O pleno deberá aprobar a semana que vén o proxecto, que prevé un investimento máximo de 51.131 euros nos traballos de renovación da capa de rodadura da estrada. Ademais do rebacheo e o aglomerado en quente dos 373 metros desta vía de dobre sentido de circulación, procederase ao remontado de tapas de pozos de instalacións de servizos, arqueta, embornais…
A comezos do verán reordenábase o tráfico na vía, eliminándose o estacionamento nunha das beiras co obxectivo facilitar a visibilidade nas incorporacións, mellorar a fluidez da circulación rodada, e optimizar a seguridade. Unha medida vén recibida tanto polos condutores como polos peóns que circulan a diario pola zona.



