Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Brión albergará este sábado 21 de maio a segunda etapa da XV Volta Ciclista á Provincia da Coruña


Con saída e meta en Brión, o pelotón de 112 ciclistas pasará por Negreira, Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Noia, Lousame e Rois entre as 14:00 e as 17:00 horas

O concello de Brión será o gran protagonista da segunda etapa da XV Volta Ciclista á Provincia da Coruña, que se disputará este sábado 21 de maio entre as 14:00 e as 17:00 horas. Unha proba na que tomarán parte 112 ciclistas de 16 equipos e que terá saída e meta na avenida de Santa Minia de Brión (fronte á Carballeira de Santa Minia), pasando polos municipios de Negreira, Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Noia, Lousame e Rois.

O alcalde de Brión, José Luís García, asegura que “é un orgullo que a Deputación e a Federación Galega de Ciclismo escolleran Brión como sé da XV Volta Ciclista á Provincia da Coruña. En primeiro lugar, por todo o que un evento desta categoría supón de promoción dun deporte coma o ciclismo e dos seus valores: o esforzo, a disciplicna, o traballo en equipo, os hábitos de vida saudable… Pero tamén por todo o que suporá de promoción de Brión tanto polos centos de persoas que acompañan ao evento como aos milleiros de persoas que o seguirán a través dos medios de comunicación”.

Restriccións de tráfico e actividades para os nenos

Ademais dos cortes puntuais do tráfico ao paso dos ciclistas, o Concello de Brión informa de que durante a celebración da carreira haberá restriccións á circulación e estacionamento de vehículos en Pedrouzos, na contorna da saída e meta. Así, estará prohibido estacionar na rúa que enlaza a Casa da Cultura coas Adegas Santa Minia e dende as 12:30 horas estará cortada ao tráfico a rúa Gondar, que bordea a Carballeira de Santa Minia para garantir a seguridade das actividades paralelas gratuítas dirixidas a nenos e nenas de toda a comarca, que terán lugar entre as 14:00 e as 16:30 horas.

Para os pequenos, o Club Ciclista Cambre ten preparada unha serie de carreiras e unha gimkana ciclista, que terán lugar mentres se desenvolve a proba. “Haberá trofeos para os gañadores das probas, medallas e camisetas para todos os participantes e sortearemos unha bicicleta de montaña”, explica Antonio Carrodeguas, presidente do Club Ciclista Tambre. A participación é totalmente de balde e as inscricións poden formalizarse na propia Carballeira de Santa Minia. “Só é preciso levar bicicleta e caso, pois nós tamén poremos un pequeno avituallamento”, explica Antonio Carrodeguas, quen fai fincapé en que “as probas terán lugar nun circuito pechado e os rapaces estarán atendidos en todo momento por monitores especializados”.

Desenvolvemento da proba

A segunda etapa da XV Volta Ciclista á provincia da Coruña contará coa participación de 112 ciclistas de 16 equipos da categoría Elite-Sub 23: Padronés Aluminios Cortizo, Autronic Club Ciclista Vigués, Ciudad de Oviedo, Concello de Porriño SPOL, Gsport Valencia, Cartucho Foto ES Magro, Rimo-Construcciones Paulino-Oviedo.es, Gomur, Bicicletas Rodríguez Extremadura, Cambre Caeiro, Diputación de León-Arte en Transfer, Infisport, Club Ciclista Rías Baixas, Mutua de Levante-Renault-Renault Ginestar, Guerciotti-Redondela e Grupo Deportivo Supermercados Froiz, equipo gañador das últimas catro edicións e de nove das catorce probas disputadas.

A proba brionesa percorrerá un total de 130 quilómetros, con saída e meta na avenida de Santa Minia (á altura da Carballeira de Santa Minia). O control de firmas terá lugar entre as 13:15 e as 13:45 horas, polo que a saída neutralizada da proba terá lugar ás 14:00 horas e os ciclistas circularán pola AC-451, cruzando a aldea de Aguiar para enlazar coa AC-544, dende onde partirán cara Negreira. O pelotón cruzará Negreira pola Avenida da Barcala e a Avenida de Santiago a iso das 14:20 horas, volvendo de novo pola AC-544 cara Bertamiráns (14:35 horas), onde xirarán cara Casalonga, Picaraña, Esclavitude e Padrón, onde na avenida de Compostela estará situada a primeira Meta Voante do día (15:00 horas).

Os ciclistas seguirán por Dodro, Taragoña e Boiro, onde comezará un porto de montaña de terceira categoría (190 metros de altitude). No alto de Muimenta (15:49 horas) estará emprezado o primeiro Premio da Montaña, patrocinado polo Concello de Brión. O pelotón baixará o porto cara Noia, onde estará a segunda Meta Volante da etapa (16:00 horas) e de onde xirarán cara Lousame, pasando por San Fins e Portobravo (16:03 horas), onde comezará o segundo porto de montaña da xornada (423 metros). O premio da montaña está emprazado en Augasanta (16:24 horas), de terceira categoría, dende onde os ciclistas baixarán cara Rois.

O último porto da etapa será o de Airesa (418 metros), de segunda categoría, a onde os ciclistas chegarán a iso das 16:47 horas antes de enfilar os últimos 13 quilómetros da proba por Urdilde, Os Ánxeles (17:03 horas) e Brión (meta prevista entre as 17:06 e as 17:25 horas).

A XV Volta Ciclista á Provincia da Coruña terá lugar entre o 20 e o 22 de maio. Está organizada pola Deputación da Coruña e a Federación Galega de Ciclismo, así como polos tres concellos sede de cada unha das etapas (Cerceda, Brión e Ferrol) e co patrocinio de Coca-Cola e NorInver Montajes e Ingeniería.