Monday 05 de October de 2026

O BNG reclama ao Concello que rectifique o recorte no servizo de conciliación e escoite as ANPAS


Pérez Barral apoia ás ANPAS e pide recuperar a flexibilidade do curso pasado para que cada centro decida se destina a hora de monitorado a madrugadores ou comedor

O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno municipal do Partido Popular que rectifique de inmediato as modificacións introducidas este curso no programa municipal de conciliación e que atenda as demandas trasladadas polas nove ANPAS dos centros educativos de Ribeira.

O BNG mantivo un contacto estreito e directo coas asociacións de nais e pais nos últimos días e considera plenamente razoables as súas reclamacións, especialmente tendo en conta que o curso escolar comeza sen que as familias conten coa información e coa planificación necesarias sobre un servizo fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar.

Os nacionalistas lembran que esta medida pioneira do programa de conciliación púxose en marcha o ano pasado con Luís Pérez Barral como alcalde, quen se reuniu con todas as Anpas para acordar que o Concello sufragaría unha hora de monitorado en cada centro público do municipio, deixando ademais nas mans de cada ANPA a decisión de destinala ao servizo de madrugadores ou ao comedor escolar, en función das necesidades concretas de cada comunidade educativa.

“O que fixemos foi escoitar as ANPAS e darlles liberdade para decidir onde era máis necesaria esa hora de monitorado. Non todos os centros teñen as mesmas necesidades e non todas as familias teñen os mesmos horarios”, sinala o exalcalde e portavoz Luís Pérez Barral. Porén, o Partido Popular decidiu modificar este ano o funcionamento do programa, facendo que comece en outubro e establecendo que a hora de monitorado se destine exclusivamente ao servizo de madrugadores. Ademais, introduce un mínimo de oito nenos e nenas para que o servizo poida funcionar.

Grazas á presión exercida polas Anpas e o BNG rectifican e comezará o día 14 cando a pretensión era deixar tiradas ás familias todo o mes de semtembro. Mais tamén deben reunirse coa comunidade escolar e coñecer as necesidades e eliminar a imposición dos 8 nenos e nenas ou de que só se sufraga o servizo de madrugadores e non comedor.