O documental dirixido por Iago Varela proxectarase este venres 11 de setembro ás 18h, con entrada gratuíta
A sesión contará coa presenza do director, que participará nun coloquio co público para afondar nas historias e no proceso de investigación que deu orixe á peza
O documental “Mulleres da Reconversión” continúa ampliando o seu percorrido por Galicia e chega este venres 11 de setembro á Coruña, onde será proxectado ás 18.00 horas na Filmoteca de Galicia, con entrada gratuíta. A sesión contará ademais coa presenza do seu director, Iago Varela, que participará nun coloquio co público arredor da peza, do seu proceso de creación e das historias recuperadas durante a investigación.
A cita supón un novo paso na difusión dun proxecto nacido en Fene para recuperar unha parte pouco contada da historia recente de Ferrolterra: a das mulleres que viviron a reconversión naval de ASTANO como traballadoras, parellas ou fillas de traballadores e que desempeñaron un papel fundamental tanto nas mobilizacións como, especialmente, no sostemento da vida cotiá.
Tras a súa presentación pública en Fene e as posteriores proxeccións realizadas en diferentes localidades do país, Mulleres da Reconversión chega agora á capital provincial e faino nun espazo especialmente vencellado á conservación e difusión do patrimonio audiovisual galego.
“Que estas historias saian de Fene e de Ferrolterra é tamén unha maneira de incorporalas á memoria colectiva do país. A reconversión aconteceu nun territorio concreto, pero o que contan estas mulleres —o medo, os coidados, a incerteza, a resistencia ou o impacto dunha crise industrial dentro das casas— transcende ese territorio”, explica Iago Varela.
Da historia do estaleiro ao que acontecía nas casas
A peza, que conta co apoio da Deputación da Coruña, naceu dun amplo proceso de investigación e recuperación de memoria oral desenvolvido con mulleres das diferentes parroquias de Fene.
O punto de partida foi abordar a reconversión desde un lugar diferente ao ocupado tradicionalmente polo relato histórico. Fronte ás imaxes das grandes mobilizacións, os conflitos laborais, os peches ou as negociacións políticas e sindicais, o proxecto preguntouse que estaba acontecendo ao mesmo tempo nas casas.
As respostas permitiron recuperar historias sobre as dificultades para chegar a fin de mes, o medo ante a chegada das cartas, a incerteza sobre o futuro, os coidados dos fillos e fillas, a comida preparada para os traballadores pechados no estaleiro ou a participación activa das propias mulleres nas mobilizacións.
“Unha das cousas que descubrimos durante os encontros é que os pequenos detalles podían explicar a reconversión dunha maneira extraordinariamente poderosa”, sinala Varela. “Falamos dunha maleta preparada durante semanas no salón ante a posibilidade de ter que marchar traballar fóra, dos nenos acompañando ás nais para levar comida aos peches ou de familias que tiveron que reorganizar completamente a súa economía. Son historias aparentemente domésticas que, cando as xuntas, permiten entender a dimensión humana dun proceso histórico enorme”.
O documental, cunha duración de arredor de vinte minutos, constrúe ese relato de maneira coral, combinando as voces das protagonistas con documentación histórica e unha narrativa visual na que a cociña ocupa un lugar central. A preparación da comida funciona como fío condutor e como símbolo dos coidados, da resistencia e do traballo invisible que permitiu soster ás familias durante aqueles anos.
Unha proxección para ver e conversar
A sesión deste venres na Filmoteca de Galicia non se limitará ao visionado da peza. Ao remate, Iago Varela participará nun coloquio co público, no que explicará o proceso de investigación, os encontros realizados coas mulleres, a construción narrativa do documental e algunhas das historias que quedaron fóra da montaxe final.
“As proxeccións comentadas están permitindo que o documental continúe medrando. A película dura vinte minutos, pero detrás hai meses de conversas, documentación e historias que non caben na pantalla. Compartir ese proceso co público permite abrir novas preguntas sobre a reconversión e, sobre todo, sobre quen aparece e quen queda fóra cando construímos a memoria dun territorio”, destaca o director.
A chegada á Coruña permite así continuar o percorrido iniciado tras a estrea en Fene e achegar a novos públicos un proxecto que busca contribuír á recuperación da memoria industrial galega desde unha perspectiva social e feminista.
A proxección de “Mulleres da Reconversión” terá lugar este venres 11 de setembro, ás 18.00 horas, na Filmoteca de Galicia, na Coruña. A entrada será gratuíta.



