Tuesday 06 de October de 2026

O Concello licita o servizo de mantemento do Parque Arqueolóxico da Rocha Forte


O contrato ten un orzamento base duns 93.000 euros para o período 2026-2029, coa finalidade de conservar o xacemento arqueolóxico da que foi a maior fortaleza medieval de Galicia. A portavoz do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos tratados hoxe en Xunta de Goberno, entre os que salientou tamén a reapertura da rúa das Rodas, a licenza para rehabilitar un inmobre destinado a residencia de persoas maiores na avenida das Burgas e o suplemento de crédito para incrementar en 10.000 euros a axuda municipal ao Club Hockei Raxoi, así como a subvención de 6.000 euros á asociación ASPAS.
Míriam Louzao
A Xunta de Goberno aprobou na sesión ordinaria deste luns o expediente para contratar un servizo de mantemento do Parque Arqueolóxico da Rocha Forte. Este contrato licítase cun orzamento base de 93.107,25 € (IVE incluído), cun procedemento aberto simplificado e para un prazo de tres anos (2026-2029), coa posibilidade de ser prorrogado un ano máis.

Consonte o prego técnico, a adxudicataria terá que realizar os traballos de mantemento e conservación das estruturas e materiais arqueolóxicos do Castelo da Rocha e, como obxectivo complementario, a limpeza do camiño de acceso peonil dende o sudoeste e o mantemento dos carteis informativos e da reixa de peche.

O mantemento das estruturas e restos do castelo teñen que realizarse con control e seguimento arqueolóxico, polo que o contrato inclúe a redacción do proxecto e da memoria técnica que estipulan a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia e o Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

As empresas interesadas teñen agora un prazo de 20 días naturais para a presentación de propostas.

O xacemento arqueolóxico da Rocha Forte contén os restos da que foi a maior fortaleza medieval de Galicia. O castelo, edificado entre os séculos XIII e XV, constituíu un enclave estratéxico durante as loitas de poder nobiliario, sendo completamente destruído tras as Revoltas Irmandiñas. Con esta licitación o Concello buscar preservar as ruínas da Rocha Forte, testemuño patrimonial esencial que permite profundar na historia compostelá e obter unha perspectiva única sobre a arquitectura militar da Idade Media.

Reapertura da rúa das Rodas e xestión urbanística

A Xunta de Goberno autorizou, pola vía de urxencia, a posta en servizo da rúa das Rodas para abrila ao tráfico “a tempo para o aumento do tráfico que vai haber por mor do inicio do curso xa se poida normalizar”, indicou a voceira municipal.

No ámbito da xestión urbanística, autorizáronse licenzas de obra maior para o cambio da carpintería exterior do local situado no número 10 da rúa dos Bautizados; para a adecuación estrutural da cuberta e o mantemento dunha medianeira na rúa do Cardeal Payá número 10; e para obras de reforma na avenida das Burgas número 6, para unha residencia de persoas maiores. Estas actuacións consistirán na rehabilitación dun inmoble de dúas plantas (B+1) cunha superficie construída de 1090,48 m2 (947,49 m2 útiles) para destinado a unha residencia con 30 cuartos.

Autorizouse ademais a recepción das instalacións de enerxía eléctrica do polígono de solo urbanizable programado número 1 (SUP-1), en Romero Donallo, executadas pola Xunta de Compensación deste ámbito.

Renuncia e prórrogas de contratos

Dentro do apartado de contratación, a Xunta de Goberno tamén tomou o acordo formal de renuncia á licitación do contrato das obras de naturalización da lagoa do Auditorio. Como xa informara anteriormente o goberno local, desístese desta licitación que nun primeiro intento quedara deserta pola complexidade que implicaba o proxecto.

Míriam Louzao explicou que se “intentou de novo sabendo xa que os prazos excedían da vixencia dos fondos do proxecto Entre Sar e Sarela porque, paralelamente, estaba solicitada unha prórroga” e que “a intención do goberno era esgotar as posibilidades, mais a denegación da prórroga por parte da Fundación Biodiversidade, a entidade colaboradora do Estado que xestiona os fondos Next Generation para este tipo de proxectos, fixo que decaese o financiamento do expediente”.

En consecuencia, a Xunta de Goberno toma agora o acordo de desistencia formal, “independentemente de que, se for o caso, con novas fontes de financiamento se retome o proxecto”, engadiu a portavoz.

Doutra banda, prorrogáronse tres dos lotes do expediente de contratación, tramitado ao abeiro dun acordo marco da Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias, para a prestación dos servizos de mediación de riscos e seguros do Concello.

En concreto, o lote 1, correspondente ao seguro de responsabilidade civil, adxudicado a Willis Iberia Correduría de Seguros y Reaseguros SA.; o lote 3, o seguro colectivo de accidenes e outros riscos vinculados a danos sobre as persoas, adxudicado á UTE Marsh SA Mediadores de Seguros y Deasterra SL.; e o lote 4, adxudicado a Aon Iberia Correduría de Seguros y Reaseguros SAU., para o aseguramento de vehículos municipais.

A prórroga comezará o 10 de setembro e esténdese ata o día 9 do mesmo mes de 2027.

Subvencións e convenios

En relación coas convocatorias de subvencións, aprobouse a ampliación nun mes do prazo para xustificar as axudas para o uso do servizo de taxi como medio alternativo para as persoas con dificultades de mobilidade ou que presentan limitacións para o uso do transporte colectivo. En concreto, o prazo, que remataría o 15 de setembro rematará o 15 de outubro.

A Xunta de Goberno tomou conta da sinatura do convenio que recolle a subvención nominativa á entidade ASPAS para o desenvolvemento do programa de respiro familiar, dotado con 6.000 euros.

Así mesmo, aprobouse un suplemento de crédito para incrementar en 10.000 euros a axuda nominativa ao Club Hockei Raxoi.