Neda converterase esta semana en escenario de Barriga verde no Camiño Inglés, o proxecto multidisciplinario que está a levar este verán o títere galego por excelencia a dez municipios das distintas rutas xacobeas. A proposta, que chega á vila co apoio do Concello, contempla un pasarrúas con xigante, obradoiros de construción de monicreques e un espectáculo de títeres de luva.
A iniciativa de dinamización cultural, promovida pola compañía Títeres Alakrán, enmárcase no programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia, e visitará Neda este venres á tardiña, incluíndo os tres formatos artísticos complementarios e contando coa participación de Morreu o demo.
Así, a partir das 17:00 horas, a Biblioteca municipal de Neda acollerá un taller de construción de monicreques. Trátase dunha actividade participativa, dirixida ao público infantil, na que os asistentes crean o seu propio títere usando materiais reciclados. Para participar, haberá que apuntarse a partir do mércores na Casa da Cultura, ou chamando ao teléfono 981390233.
Despois, a partir das 18:30 horas, haberá un percorrido pola rúa Real e polos Subarreiros da figura do cabezudo deste títere tradicional galego, acompañado de música popular, animando a veciñanza e visitantes a participar no espectáculo de títere de cachiporra tradicional galego, inspirado nas rutinas de Xosé Silvent de principios do século XX. Será ás 19 horas, ao pé da torre do reloxo.
O Concello de Neda convida aos veciños e veciñas a sumarse a esta proposta cultural, destinada á recuperación da figura de Barriga verde, irreverente, burlona, e ben arraigada na cultura popular galega.



