Friday 02 de October de 2026

A alcaldesa de Ribeira enxalza a vocación de servizo, profesionalidade e entrega da Policía Nacional durante a celebración do Día dos Anxos Custodios


 María Sampedro reivindica a necesidade de incremento do número de efectivos e a creación de brigadas específicas

 Tres axentes foron condecorados, así como recoñecido o labor da Unidade Pastoral de Ribeira

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, participou hoxe na celebración do Día dos Anxos Custodios a iniciativa da Policía Nacional, que converteu a cidade en punto de encontro para as forzas e corpos de seguridade do Estado que prestan servizo na comarca. A xornada comezou cunha misa solemne na igrexa de Santa Uxía para, despois, trasladarse á Casa do Mar, onde se procedeu cun acto cerimonial no que se condecorou a tres axentes (Belén, Abraham e Pablo), ademais de recoñecer o labor da Unidade Pastoral de Ribeira como se encargou de anunciar o comisario ribeirense, Diego Díaz Amaya.

Durante a súa intervención, a rexedora destacou a vocación de servizo público, profesionalidade, entrega e compromiso coa cidadanía que demostran os axentes da Policía Nacional, polo que agradeceu que fagan posible que “Ribeira sexa un lugar no que as persoas poidan vivir, traballar, desfrutar e medrar con tranquilidade.”

Sampedro tamén manifestou que “vivimos nunha sociedade moi polarizada na que a seguridade e a convivencia son responsabilidades compartidas.” En consecuencia, reivindicou a necesidade de incrementar o número de efectivos e a creación de brigadas específicas fronte a determinados delitos. “Como alcaldesa quero expresar o compromiso do Concello de Ribeira para seguir traballando desde a colaboración e coordinación que nos identifican a través da nosa Policía local, coa Policía Nacional e co resto das Forzas e Corpos de Seguridade”, ratificou, xa que “cando falamos de seguridade, estamos falando de algo profundamente humano: de poder vivir sen medo.”

Deja un comentario