Thursday 01 de October de 2026

O BNG advirte de que a humanización do Areal que licita o PP é “un proxecto herdado, recortado e salvado in extremis”


A formación nacionalista votou a favor da licitación porque “mellor é algo que nada”, pero acusa ao goberno local de presentar como logro propio unha actuación impulsada no anterior mandato e pola que o PP fixo campaña en contra

O BNG lembra que o proxecto orixinal pretendía unha actuación integral sobre a N-651 e denuncia que o PP “estivo a piques de perder os 180.000 euros que achega a Deputación en varias ocasións”

O BNG de Cabanas considera positivo que finalmente se vaia licitar a actuación de mellora e humanización dun tramo da avenida do Areal, aprobada no pleno municipal por un importe de 582.367,81 euros, pero advirte de que o Partido Popular “non pode presentar como un logro propio o que é unha actuación impulsada e financiada inicialmente polo anterior goberno municipal e contra a que o actual executivo fixo campaña”.

A formación nacionalista lembra que o proxecto de humanización da Avenida do Areal foi promovido durante o anterior mandato como unha actuación integral destinada a solucionar os graves problemas de accesibilidade, seguridade viaria, mobilidade, saneamento e iluminación existentes neste ámbito da N-651.

“O BNG non vai votar en contra dunha obra que consideramos necesaria para Cabanas. En política municipal hai unha regra de responsabilidade básica: mellor algo que nada”, sinala o portavoz municipal, Iago Varela. “Pero votar a favor non significa mercarlles a moto nin permitir que se reescriba a historia”.

Un proxecto que o PP criticou e despois boicoteou

O BNG lembra que o proxecto foi obxecto de duras críticas por parte do Partido Popular desde a súa presentación, chegando a utilizarse politicamente durante a campaña electoral de 2023. Tras acceder ao goberno municipal, o PP “meteu o proxecto nun caixón, alongou os prazos e acabou tomando a decisión de renunciar á actuación en decembro dese mesmo ano”.

En xaneiro de 2024, o BNG levou ao pleno unha iniciativa para instar ao goberno municipal a reverter esa decisión e evitar a perda da subvención de 180.000 euros concedida pola Deputación da Coruña.

“Chegamos a ter que levar o asunto ao pleno para que o goberno municipal reaccionase e evitase perder uns fondos que xa estaban conseguidos”, lembra Varela. “Agora licitan unha versión recortada daquela actuación e pretenden presentala como unha iniciativa propia. É difícil ter máis memoria selectiva”.

A actuación que agora se licita abrangue aproximadamente tan só 270 metros da N-651, entre a zona de Tras da Vila e a contorna da Travesía do Oito, e contempla a renovación do saneamento, o soterramento de cableados, a mellora das beirarrúas e da accesibilidade e a creación ou renovación de pasos peonís.

“Son actuacións necesarias e que van mellorar a vida da veciñanza. Precisamente por iso lamentamos que, despois de todo este tempo, o goberno municipal opte por unha actuación moito máis limitada en extensión que o proxecto integral que estaba previsto inicialmente”, sinala o portavoz nacionalista.

Unha necesidade evidente para a veciñanza

O BNG destaca que a Avenida do Areal presenta desde hai anos graves problemas para o tránsito peonil.

“Para unha persoa que empuxa un carriño de bebé, para alguén que utiliza unha cadeira de rodas ou simplemente para unha persoa maior, hai puntos nos que circular pola avenida é unha auténtica carreira de obstáculos”, explica Varela. “Hai beirarrúas estreitas, elementos no medio do paso, pavimentos deteriorados e zonas nas que directamente a continuidade peonil desaparece”.

Por iso, a formación nacionalista considera que a actuación debe entenderse como un primeiro paso e non como a solución definitiva.

“O que Cabanas necesita é unha transformación integral da N-651 ao seu paso polo núcleo urbano. O tramo que agora se vai licitar pode mellorar unha parte da situación, pero quedan moitos metros e moitos problemas por resolver”, afirma.

O Ministerio tamén debe asumir a súa responsabilidade

O BNG coincide co goberno municipal en que o Ministerio de Transportes, como titular da N-651, debe implicarse economicamente na transformación integral da estrada.

Con todo, lembra a formación nacionalista que as primeiras promesas para a humanización da N-651 ao seu paso por Cabanas chegaron xa nos primeiros anos 2000. Desde aquela, PP e PSOE sucedéronse no goberno do Estado, anunciaron actuacións e mesmo chegaron a incluír partidas nos Orzamentos Xerais do Estado, que nunca chegaron a executarse.

“Durante todos estes anos, o único que mantivo de maneira constante a esixencia desta actuación foi o BNG, reclamándoa tanto desde Cabanas como desde o Congreso e presentando iniciativas para que tivese financiamento e se executase”., lembra Varela.

“Pero que o Ministerio teña que asumir a súa responsabilidade non significa que o Concello poida cruzarse de brazos. Un alcalde ten que defender os intereses de Cabanas ante todas as administracións, buscar financiamento e conseguir avances. O que non pode facer é boicotear un proxecto que xa tiña financiamento e despois presumir de recuperalo”, apunta.

“O PP vive das rendas do traballo anterior”

Para o BNG, o sucedido coa Avenida do Areal encaixa nunha dinámica máis ampla do actual goberno municipal.

“Levamos tres anos vendo como os únicos proxectos de certa dimensión que chegan a Cabanas son proxectos deseñados, financiados e iniciados no mandato anterior”, denuncia Varela. “Mentres tanto, o goberno municipal limita boa parte da súa actividade a asfaltar pistas e executar actuacións menores, mentres vive das rendas do traballo feito anteriormente”.

O portavoz municipal conclúe que “a veciñanza non necesita propaganda nin cintas de inauguración: necesita que as obras se fagan e que se fagan ben”.

“Votamos a favor porque Cabanas necesita esta actuación. Pero que ninguén espere que fagamos como se a xente non soubese de onde vén o proxecto, quen conseguiu os fondos e quen estivo a piques de facelos perder. A nosa responsabilidade é defender os intereses da veciñanza, apoiar o que sexa bo para Cabanas e fiscalizar que se execute correctamente”, sentencia.

Deja un comentario