Friday 02 de October de 2026

Eduardo Dobarro reivindica os valores compartidos dos fornos locais e da construción naval: a cultura do esforzo, o traballo ben feito e a capacidade de innovar mantendo a tradición


O director de Navantia Ferrol inaugurou oficialmente a XXXVI Festa do Pan de Neda coa lectura do pregón

A contorna do albergue de peregrinos acolle unha das edicións máis multitudinarias da emblemática cita gastronómica

Como marca a tradición, este primeiro domingo do mes de setembro, Neda celebra a súa XXXVI Festa do Pan dende primeira hora da mañá, cun paseo marítimo abarrotado de xente animada polo bo tempo. As panaderías La Gallega, Paca Castro Romero e Panificadora Germán inauguraban a cita coa apertura dos postos de venda de pan, empanadas e doces, e ao mesmo tempo, ían abrindo os preto de 30 postos do mercado de artesanía. A animación musical comezaba a sentirse aos poucos, a cargo da agrupación Ariños de Fene e dos cabezudos da Asociación Cultural Piruchela. E xa ás 12:00 horas, a compañía Sempre Arriba despregaba o seu espectáculo “Hoxe, si!”, de acrobacias aéreas, clown e humor, que nenos -e non tan nenos- recibían con entusiasmo.
Tamén ao mediodía o público participaba nunha degustación de produto da ría promovida pola Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol, e ao mesmo tempo, o xurado valoraba as elaboracións presentadas ao concurso de empanadas.
O director de Navantia Ferrol, o nedense Eduardo Dobarro, era o encargado de inaugurar oficialmente a cita coa lectura do pregón. No acto, expresou o seu agradecemento pola encomenda, que asumiu coa mesma emoción que unha botadura xa que as súas raíces están en Neda, nos seus muíños e fornos, no pan, e nas súas xentes. Lembrou a vinculación da súa familia co sector, e asegurou que na vila o pan é máis que un alimento: “Es una parte de nuestra historia, de nuestra familia y de lo que somos”. Porque o pan “alimenta, pero también une generaciones, familias y recuerdos”.
Así, reivindicou que con esta festa Neda “celebra también una forma de vivir y de entender la comunidad”. Deste xeito, apuntou que “honramos a las personas que hicieron posible que Neda fuese conocida dentro y fuera de Galicia por la calidad de su pan”; “damos reconocimiento a los molineros y a los panaderos que convirtieron la harina en algo tan sencillo e indispensable como el pan”, e “celebramos a generaciones enteras de hombres y mujeres que construyeron esta tradición con esfuerzo, sacrificio y trabajo”.
Ademais, Eduardo Dobarro asegurou con orgullo que “o pan de Neda tamén forma parte da historia marítima de España”, e lembrou como, dende o século XVI, as Reais Fábricas de Biscoito de Neda abastecían de pan de barco aos buques da Armada que partían cara longas travesías de ultramar.
Sen abandonar ese especial vínculo, defendía que “los hornos dieron prosperidad a este pueblo durante siglos y la construcción naval sigue siendo hoy uno de los grandes motores económicos de nuestra tierra”. Dúas actividades diferentes, pero que comparten os mesmos valores “la cultura del esfuerzo; el aprendizaje transmitido de padres a hijos; el orgullo por el trabajo bien hecho y la capacidad de innovar sin olvidar las raíces”. Concluíu reivindicando a festa porque “conserva con orgullo su patrimonio y mantiene vivas sus tradiciones”. “Y conservar esa memoria también es una forma de construir el futuro”, engadía para despedirse animando á veciñanza a desfrutar xuntos da Festa do Pan.
Xunto ao alcalde, Ángel Alvariño, entregaba os premios do Concurso de Empanadas, que recaeron por este orde en Carlos Rodríguez (1º posto); Inés Cortés (2º posto) e Emilio (3º posto).
A festa continuaba coa sesión vermú, amenizada cos temas de onte e de hoxe a cargo de Los Zares, e tamén, coa presentación oficial da nova formación musical Os Kurtidos, que interpretaron algúns temas do seu repertorio. A esas horas, unha das panaderías participantes – La Gallega- esgotara xa todo o produto.
Coas longas colas para entregar os tickets, comezaba tamén o xantar popular, no que participou medio milleiro de persoas, e sobre as 16:00 horas regresaba a animación musical con A Charanga da Carmiña.
E POLA TARDE
A tarde está especialmente dedicada aos máis pequenos e pequenas da casa. Ás 17:00 horas, poderán participar nun obradoiro de elaboración de pan coa Granxa Escola Belelle, e ás 18:30 horas, celebrarase o espectáculo de clown e escapismo “A vida tola”, con Natalia Outeiro.
Neste 2026, o broche de ouro á festa correrá por conta do músico e investigador Xurxo Fernandes, que trae a Neda o seu espectáculo “Levaino”.