Friday 22 de November de 2024

A Xunta entrega 62 traxes específicos para a loita contra a vespa velutina a 31 concellos da provincia da Coruña


O delegado territorial, Diego Calvo, asistiu ao acto de entrega momentos antes do inicio dunha xornada formativa celebrada na sede da Delegación Territorial

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, asistiu esta mañá á entrega de 62 traxes específicos para a loita contra a vespa velutina a representantes de 31 concellos da provincia.

O acto tivo lugar antes do inicio da ‘Xornada formativa sobre o control da vespa velutina’ organizada pola Academia Galega de Seguridade Pública da Consellería de Presidencia, a través da cal téntase conseguir que as persoas que traballan na xestión das emerxencias conten cos mellores medios e traballen nas mellores condicións.

Ante preto dun centenar de asistentes pertencentes ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil ou grupos de emerxencias dos concellos da provincia, participaron como poñentes destas sesións Carlos Cid González, xefe de área de Sanidade Animal da Consellería de Medio Rural; Juan Luis López Seoane, técnico de Tragsatec; e María del Carmen Vázquez Lema, médica do 061. Durante as súas intervencións, falaron dos aspectos biolóxicos e técnicos de interese da vespa velutina, do programa de vixilancia e control que se ten posto en marcha, dos métodos de control aplicados no protocolo de actuación de Galicia, e tamén das repercusións que pode ter a vespa velutina na saúde.

Pola súa banda, Diego Calvo incidiu na importancia da formación e de contar con equipamentos axeitados, dous dos piares para que os grupos de emerxencias poidan ofrecer un servizo óptimo á cidadanía. “Máis preparados, mellor equipados e, sobre todo, traballando cunha maior seguridade, seremos quen de ofrecer unha mellor resposta ante calquera incidencia”, matizou Calvo, que mostrou tamén o seu agradecemento “a todo o persoal municipal que realiza os traballos de control dos niños de vespa velutina”.

Grazas aos traxes entregados hoxe pódese levar a cabo con seguridade a destrución e retirada de niños por parte das Asociacións de Voluntarios de Protección Civil dos concellos onde esta especie estea actuando ou se prevea un posible avance. No caso da provincia da Coruña, beneficiaranse desta achega os concellos de Abegondo, Ares, Arteixo, Betanzos, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Cabanas, Cambre, Carballo, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Coristanco, Fisterra, A Laracha, Laxe, Lousame, Malpica de Bergantiños, Mañón, Mazaricos, Oleiros, Oroso, A Pobra, Pontedeume, As Pontes, Porto do Son, Ribeira, Santa Comba e Valdoviño.

Case 2.000 niños retirados o ano pasado na provincia da Coruña
Dende a administración autonómica insístese na importancia da coordinación entre as diferentes administracións na loita contra a vespa velutina e o esforzo que está a realizar a Xunta para facer fronte a este problema.

Neste sentido, Diego Calvo lembrou que a Consellería de Medio Rural retirou ou inactivou o pasado ano máis de 5.600 niños desta especie en 170 concellos de toda Galicia. “Na nosa provincia, retiráronse 1.979 niños, e en concreto, nos concellos que hoxe recibiron o equipamento, detectáronse un total de 684, cunha maior presenza nos municipios da zona norte”, explicou o delegado territorial, que engadiu que a estes habería que sumar os intervidos por outros axentes, como asociacións apícolas, concellos ou parques de bombeiros, co que o número chegaría a preto de 8.000 actuacións en toda Galicia.

Ademais, a Xunta entregou o pasado mes de febreiro 1.200 trampas comerciais e botes de líquido atraente aos apicultores con asentamentos localizados en concellos nos que se detectaron niños desta vespa. E estase a reforzar este reparto ao longo da primavera, período no que as raíñas desta especie saen da época de hibernación.