Marta Abal critica que o Goberno local avance na reorganización dos servizos municipais sen informar previamente nin contar cos representantes das persoas traballadoras.
As e os socialistas reclaman que ningún traslado se execute sen diálogo, información e participación e esixen que se garantan previamente todas as medidas necesarias en materia de prevención de riscos laborais.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a falta de diálogo, transparencia e información coa que o Goberno da señora Sanmartín está a afrontar o traslado de persoal ás plantas rehabilitadas do Pazo de Raxoi e reclamou que os seus representantes participen desde o principio nunha reorganización que afecta directamente ás condicións de traballo.
Abal deixou claro que as e os socialistas “non cuestionamos que o Concello reorganice os seus servizos”, pero advertiu de que “o que non podemos compartir é que decisións que afectan directamente ao persoal se adopten sen información previa e sen contar desde o principio cos seus representantes”.
A edil incidiu en que os representantes do persoal levan meses preguntando pola ocupación das plantas rehabilitadas de Raxoi “sen obter respostas claras”, unha situación que, ao seu xuízo, evidencia unha forma de proceder que se vén repetindo no Concello. “Levamos demasiado tempo vendo como este Goberno confunde informar, cando as decisións xa están tomadas, con dialogar”, advertiu Abal, que reclamou que a participación e a información se produzan antes de adoptar decisións que afectan directamente ás persoas traballadoras.
O Grupo Municipal Socialista reclama así ao executivo municipal que cambie esta forma de proceder e abra un diálogo real antes de continuar cos traslados, porque, tal e como subliñou Abal, “calquera traslado debe facerse con todas as garantías, coa participación dos delegados de prevención”, asegurando previamente “todas as medidas necesarias en materia de prevención de riscos laborais”.
Por todo isto, Abal reclamoulle á alcaldesa “diálogo real, transparencia e información” e esixiu “que garanta que ningún traslado se execute sen a participación e as medidas preventivas necesarias”, para evitar que unha reorganización que debería servir para mellorar o funcionamento municipal se desenvolva de costas ás persoas directamente afectadas.

