Wednesday 30 de September de 2026

O concello creará unha rede de puntos de carga de vehículos eléctricos en localizacións estratéxicas do municipio


Tres están contemplados en proxectos que promove o Concello e serán habilitados outros cinco mediante contrato de instalación, xestión e explotación.

O Concello creará unha rede de puntos de carga para vehículos eléctricos en diferentes localizacións do municipio coa finalidade de facilitar novas opcións de mobilidade á veciñanza e acompañar a progresiva implantación deste tipo de automóbiles.
A iniciativa farase por dúas vías para integrar estes equipamentos tanto en novas actuacións urbanas como noutros espazos estratéxicos. Por unha banda, os puntos de carga xa están previstos en tres proxectos de carácter máis amplo promovidos polo propio Concello: a renovación da Praza do Concello, a humanización do contorno do CEIP Otero Pedrayo e a creación dunha nova praza pública no Igrexario de Lestón. Desta maneira, eses equipamentos quedarán incorporados ás actuacións de mellora e transformación previstas nestes espazos.
Por outra banda, en próximas datas o Concello sacará a licitación a instalación e xestión doutros puntos de carga en cinco localizacións do termo municipal: a praza Les Sables d’Olonne da Laracha, o campo da feira de Paiosaco, a zona da Insua en Caión, a urbanización Monte Claro de Cabovilaño e o parque empresarial xunto ao viveiro de empresas. Neste segundo caso, a empresa que resulte adxudicataria deberá asumir a instalación, xestión e explotación dos puntos de carga, mentres que o Concello facilitará a disposición dos espazos físicos necesarios para a súa implantación.
A distribución prevista permitirá achegar estes puntos de carga a diferentes ámbitos e realidades do municipio, desde os principais núcleos urbanos ata unha zona residencial de referencia como urbanización do Cancelo e un espazo de actividade económica e continua afluencia de vehículos como o parque empresarial.
A creación desta rede permitirá ofrecer novas posibilidades ás persoas usuarias de vehículos eléctricos, facilitando que poidan realizar as súas recargas, favorecendo a incorporación progresiva da mobilidade eléctrica e contribuíndo a que o municipio estea preparado para os cambios que se están a producir nos hábitos de desprazamento.
A actuación tamén encaixa na transformación que o Concello está a impulsar en diferentes espazos públicos da Laracha, Paiosaco e Caión, incorporando novos equipamentos e servizos ás actuacións de renovación e humanización. Neste sentido, a previsión dos puntos de carga permite que os proxectos vaian máis aló da propia mellora estética e funcional deses espazos ao incorporar solucións pensadas para as necesidades presentes e futuras da veciñanza.
Con esta planificación, o Concello aposta por facilitar a transición cara modelos de mobilidade máis sostibles e por dotar ao municipio de servizos que favorezan tanto á veciñanza como ás persoas que se desprazan á Laracha por motivos laborais, comerciais ou turísticos.

Deja un comentario