Wednesday 30 de September de 2026

Pedro Blanco aposta por un Mallou que medre con vivenda, servizos e contando coa súa veciñanza


O candidato socialista á Alcaldía mantivo unha xuntanza coa Asociación Veciñal de Casa Agraria no marco das #ConversasDeBarrio para estudar as súas propostas e abordar o desenvolvemento do PIA SUD-1

A vivenda, a renovación urbana e o benestar social son algunhas das prioridades do proxecto de cidade de Pedro Blanco, ámbitos nos que “o Concello ten moito que dicir e moito que facer”

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, aposta por un Mallou que medre “con vivenda, servizos e contando coa súa veciñanza”. Pedro Blanco explicou esta proposta durante a xuntanza mantida con membros da Asociación Veciñal de Casa Agraria para escoitar as súas preocupacións e demandas en relación co desenvolvemento do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) previsto pola Xunta de Galicia. Este encontro forma parte das #ConversasDeBarrio, a iniciativa coa que Pedro Blanco está percorrendo os barrios e parroquias de

Santiago para falar coa veciñanza, o tecido social e as entidades antes de definir as súas medidas para o proxecto de cidade.

Durante a reunión, na que estivo acompañado polos concelleiros socialistas Marta Abal e Gumersindo Guinarte, o candidato trasladou o seu compromiso para que o desenvolvemento urbanístico de Mallou sexa compatible coa creación de vivenda e co respecto aos dereitos das persoas propietarias e da veciñanza que xa vive na zona. Pedro Blanco reclama, tanto á Xunta como ao Concello, a creación dunha canle estable de diálogo, información e acompañamento coa veciñanza e coas persoas propietarias afectadas, garantindo o acceso á documentación técnica e unha atención efectiva ás alegacións presentadas. “O Concello e a Xunta teñen que sentarse, dialogar e buscar as mellores solucións para a cidadanía. Non vale mirar cara outro lado”, sinalou.

A vivenda, a renovación urbana e o benestar social son algunhas das prioridades do proxecto de cidade de Pedro Blanco, ámbitos nos que “o Concello ten moito que dicir e moito que facer”. Para o candidato socialista, Santiago ten que aproveitar os novos desenvolvementos urbanísticos para responder ás necesidades de vivenda, mellorar os barrios e garantir servizos e espazos públicos de calidade, sempre contando coas persoas que viven neles.

O candidato socialista tamén puxo o foco na situación das persoas propietarias afectadas polo proceso de expropiación. Así, e tal e como vén reclamando o Grupo Municipal Socialista, defende valoracións individualizadas, motivadas e transparentes das parcelas e a aplicación dos criterios máis favorables posibles dentro do marco legal vixente.

“O futuro de Mallou ten que construírse escoitando á súa veciñanza. Queremos vivenda, pero tamén queremos que este desenvolvemento sirva para mellorar o barrio, os seus servizos e as súas conexións. Non podemos permitir deixar a ninguén atrás”, sinalou Pedro Blanco.
Para o candidato socialista, escoitar é o primeiro paso para acertar, e por iso as #ConversasDeBarrio están permitindo analizar directamente as necesidades e propostas dos diferentes barrios e parroquias da cidade.

Deja un comentario