Wednesday 30 de September de 2026

Comezan as obras de pavimentación e instalación de pluviais na vía de acceso á zona de San Alberto por preto de 80.000 euros


 O Concello de Ribeira e a Xunta de Galicia colaboran nesta mellora das infraestruturas do polígono industrial

Nesta semana deron comezo as obras de asfaltado da vía de acceso á zona de San Alberto e instalación dun tramo de rede de pluviais. Así mesmo, renovarase o pavimento da beirarrúa de formigón existente no cruce coa Avenida Ramiro Carregal. Ata o lugar desprazouse a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, para comprobar o arranque da intervención.

Trátase dunha mellora das infraestruturas dunha parte do polígono industrial subvencionada nun 80% por parte da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. A finalidade deste proxecto é a mellora do firme actual de dita vía en Xarás debido ao deterioro que presentaba pola elevada intensidade de tráfico pesado que soporta. Para iso, instalarase un tramo de rede de pluviais para a evacuación das augas superficiais, situarase sobre ela unha capa de formigón e, posteriormente, aplicarase aglomerado asfáltico.

Finalmente, pintarase a sinalización horizontal pertinente.

O investimento sitúase nos 78.099,99 euros, IVE incluído, a cargo da empresa Canarga S.L. que resultou adxudicataria. O período de execución é de dous meses.

Deja un comentario