Wednesday 30 de September de 2026

O mercado municipal amplía a súa oferta cun novo posto especializado en queixos


O mercado municipal de Carballo estrea posto. O Recuncho de Sandra, impulsado por Sandra Capelán Arana, incorpora á oferta da praza unha queixería con diferentes variedades de queixos do país, ademais de marmelo, marmeladas e conservas.

A intención de Sandra é ir ampliando pouco a pouco a selección de produtos, cunha aposta especial polos pequenos produtores e o produto de proximidade, tanto no caso dos queixos como das marmeladas e outras elaboracións.

A apertura deste novo posto permite seguir diversificando a oferta do mercado municipal, no que actualmente poden atoparse tamén carnizarías, peixarías, panadarías, froitaría, floraría, cafetaría e outros establecementos e servizos. A alimentación fresca e de proximidade segue sendo un dos principais sinais de identidade da praza, con produtos da horta e do mar de Bergantiños, pan de Carballo, carnes da comarca e froitas e verduras de tempada.

O Recuncho de Sandra vén completar esa oferta cun produto que non contaba ata agora cun posto especializado no mercado, ao tempo que reforza a variedade dispoñible para a compra diaria.

Con esta incorporación, o mercado municipal continúa sumando actividade comercial e novas propostas dentro dun espazo que combina comercio tradicional, produto fresco e iniciativas de proximidade.

Deja un comentario