O Concello de Carballo solicitará á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración unha nova acción formativa de soldadura por arco baixo gas protector con electrodo non consumible, coñecida como soldadura TIG. O curso, de nivel II, terá unha duración de 568 horas, das que 123 corresponderán a formación específica en empresas.
As clases impartiranse no Fórum Carballo, de 15.00 a 21.00 horas, entre o 2 de novembro de 2026 e o 23 de marzo de 2027. Tanto a realización do curso como estas datas están pendentes da resolución da solicitude.
Para acceder á formación será necesario cumprir algún dos requisitos académicos establecidos para o nivel II: contar co título da ESO ou equivalente, certificado profesional de nivel II ou cun de nivel I da mesma familia profesional, ter acreditadas as competencias clave de nivel II, ter superado un curso preparatorio ou unha proba de acceso a ciclos formativos de grao medio, contar cun título de Formación Profesional Básica, ou ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 ou de 45 anos.
As persoas interesadas poden solicitar información e tramitar a súa inscrición a través de diplos.xunta.gal ou na súa oficina de emprego. Tamén poden acudir ao Fórum Carballo, na praza dos Bombeiros Voluntarios, ou chamar aos teléfonos 981 709 010 e 981 709 011.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.