Wednesday 30 de September de 2026

Neda abre a inscrición para un curso de lingua e cultura galegas para adultos sen coñecemento do idioma


Neda abre ata este venres o prazo de inscrición para un curso sobre lingua e cultura galega para persoas maiores de 16 anos que se achegan por primeira vez ao noso idioma. A actividade gratuíta, ofertada no marco da Rede de Normalización Lingüística, levarase a cabo sempre e cando haxa un grupo mínimo de persoas interesadas.

Segundo apuntan dende a Secretaría Xeral de Lingua, trátase dun curso de 20 horas de duración, dirixido particularmente aos novos galegos e galegas provenientes do exterior, co que se pretende promover o coñecemento e o emprego do galego “en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade”.

A acción formativa desenvolveríase entre o 6 e o 27 de outubro. As clases serían os martes e xoves de 10 a 13 horas na Casa da Cultura, onde deberán apuntarse as persoas interesadas en participar ao longo desta semana. Poden facelo de forma presencial ou chamando ao teléfono 981390233.

O alumnado aprenderá nocións básicas de lingua galega (vocabulario, expresión oral e escrita). E ca cultura e historia de Galicia (festas, tradicións, gastronomía, música…) ademais de recursos prácticos para a comunicación no día a día.
Segundo apuntan dende a Secretaría Xeral da Lingua, o curso ten a finalidade de favorecer a integración sociocultural efectiva do alumnado, dado que aprender o idioma do país de acollida é esencial para integrarse con éxito, e aproveitar o potencial que representa a chegada de persoas de fóra de Galicia para incrementar o número de falantes da nosa lingua.
As persoas que completen o curso de iniciación terán dereito a un diploma expedido pola Secretaría Xeral da Lingua.

Deja un comentario