Saturday 16 de November de 2024

Últimos días para presentar debuxos ao XX Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”


As bases do certame están publicadas na web municipal www.fenecidadan.gal

O vindeiro 30 de maio finaliza o prazo de presentación de debuxos para o concurso de humor gráfico “Curuxa do Humor”. O certame, organizado pola Concellería de Cultura e Ensino e polo Museo do Humor de Fene, repartirá na súa vixésima edición un total de 5000 euros en premios. Así, o/a gañador/a da Curuxa Gráfica (maiores de 25 anos) recibirá 2000 € e diploma. Nesta mesma categoría, contémplase un segundo premio, dotado con 1500 € e diploma. Para a “Curuxa Nova” (menores de 25 anos) anúnciase un primeiro premio, dotado con 1.000 € e diploma, e un segundo premio, dotado con 500 € e diploma.

Ademais, o certame incorpora este ano importantes novidades como a posibilidade de presentar traballos realizados dixitalmente ou redactados en calquera das linguas oficiais do Estado (aínda que, no caso de que a lingua escollida non sexa o galego, o/a autor/a deberá aportar co debuxo, a traducción do texto ao galego).

Os debuxantes interesados en presentarse a esta nova edición dos Curuxas, poderán enviar os seus debuxos ata o vindeiro 30 de maio ao Rexistro Xeral do Concello de Fene (Avda. do Concello, s/n, 15.500 Fene, A Coruña). As obras, de temática libre, deberán ser de creación propia e inéditas. Presentaranse en formato papel e cunha dimensión máxima de 29.7×42 cm (A3), mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente. Non se admitirán fotocopias nin gravados.

Os traballos poderán estar redactados en galego ou en calquera das linguas oficiais do Estado (debendo achegar neste caso o/a autor/a, xunto coa documentación requerida nas Bases, a traducción ao galego do texto). Tamén se admitirán traballos de humor mudo.

As obras enviaranse en paquete/sobre sen remite e facendo constar no exterior “Para o concurso de humor gráfico Curuxa 2016”, amais da categoría na que concursa. No interior deste primeiro sobre irá a obra (sólo identificada no reverso e a lápis co DNI do/a autor/a e o lema/seudónimo co que se presenta ao concurso) e un segundo sobre (plica) no que se especificará no exterior a categoría na que concursa (Curuxa Gráfica ou Curuxa Nova), o título da obra e o lema/pseudónico co que participa. No interior da plica incluirase unha copia do DNI e datos de contacto do/a autor/a (enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico), un breve currículo e unha declaración responsable expresa de que a obra presentada é da súa autoria, inédita e orixinal. Tamén se achegará na mesma un certificado de titularidade da conta bancaria na que, de recibir algún dos premios, o/a autor/a quere que se lle faga o pagamento. No caso dos concursantes menores de idade (Curuxa Nova), amais da documentación xeral, deberán aportar unha fotocopia do DNI do pai/nai/titor legal así como a súa autorización escrita para participar no concurso.

O fallo do Xurado do XX Concurso “Curuxa do Humor” darase a coñecer no último trimestre deste ano. Formarán parte do Xurado o alcalde de Fene, a concelleira de Cultura e Ensino e tres humoristas gráficos ou expertos en humor gráfico nomeados polo Concello de Fene. Segundo se establece nas bases, as persoas que resulten premiadas “comprométense a recoller o premio na gala que a estes efectos programe o Museo do Humor”.

Máis información (bases completas) na web www.fenecidadan.gal.