Luís Pérez Barral reclama ao Goberno local que rectifique a pretensión de illar ás persoas maiores no monte e defende o proxecto das Saíñas, onde xa se investiron máis de 800.000 euros públicos
O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira denunciou no pleno ordinario de setembro, celebrado este 28 de setembro, que o Partido Popular, despois dun ano á fronte do Concello tras a moción de censura, “non foi quen de avanzar na construción da residencia pública de maiores e agora pretende dar un paso máis no seu erro trasladándoa ás proximidades de San Roque, nunha localización afastada do núcleo urbano”.
O Goberno do PP deu pasos para abandonar definitivamente as Saíñas e levar a residencia pública de maiores ao monte de San Roque. A pretensión de María Sampedro supón cancelar o proxecto previsto no emprazamento onde xa se investiron máis de 800.000 euros de cartos públicos e iniciar unha nova tramitación nunha localización afastada do núcleo urbano.
As mentiras do PP ao descuberto
O exalcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, considera especialmente grave que esta decisión se adopte despois de que durante meses o Goberno local e a Xunta de Galiza xustificasen o abandono das Saíñas en supostas “trabas legais” e nun cambio da normativa estatal. “Estamos ante o resultado dunha fuxida cara adiante porque o PP quedou atrapado na súa propia mentira e, en lugar de rectificar cando se comprobou que non existiu nin existe ese impedimento legal, decide abandonar o proxecto, tirar co investimento realizado e trasladar a residencia ao monte”.
O BNG lembra que o propio Goberno do Estado confirmou por escrito, tras as iniciativas formuladas polo Bloque no Congreso, que non existe ningún cambio normativo estatal que impida executar a residencia no emprazamento das Saíñas. “Díxoselle á veciñanza que a residencia non se podía facer nas Saíñas por problemas legais, pero temos a proba por escrito de que iso era falso”, sinalou Pérez Barral durante o pleno quen ademais ensinou os informes técnicos favorables para levar o proxecto adiante. “Cando un político mente, e aquí estamos ante a trola de Mariola, o que debe facer é pedir perdón e rectificar ou dimitir” afirmou.
O portavoz nacionalista advirte ademais do importante prexuízo económico que supón renunciar ás Saíñas. Nese emprazamento xa se executaron investimentos públicos por importe superior aos 800.000 euros, polo que o cambio de localización implica tirar ao lixo ese investimento e reiniciar trámites, estudos e proxectos nun novo terreo que provocará atrasos inxustificados.
O BNG cuestiona tamén a idoneidade da nova localización desde o punto de vista da accesibilidade e da integración das persoas maiores na vida cotiá de Ribeira. As Saíñas sitúanse nunha contorna urbana, próxima a Coroso, conectada coa liña de transporte público Ribeira-Pobra e cunha relación directa co paseo e cos servizos da cidade. Pola contra, a alternativa de San Roque sitúase nunha contorna máis afastada e con maiores dificultades de acceso peonil, grandes pendentes e sen transporte público.
“Non queremos que as persoas maiores sexan apartadas da vida de Ribeira”, subliñou Barral. “Queremos unha residencia onde poidan saír pasear, recibir as súas familias, utilizar os servizos públicos e seguir formando parte da vida da vila. Os nosos maiores dérono todo por nós e merecen un lugar digno, acolledor e integrado no corazón do concello”.
O Bloque lembra, ademais, que a propia decisión de trasladar a residencia a San Roque foi presentada polo Goberno local como unha alternativa para desbloquear o proxecto. Porén, un ano despois da moción de censura, a residencia continúa sen estar construída e o cambio de localización supón iniciar unha nova tramitación. A oposición xa advertira en setembro de que o novo emprazamento implicaría volver practicamente ao punto de partida. “Ninguén entende que se queira abandonar un proxecto que podería estar en construción en poucos meses para empezar de cero e atrasala anos, xa que a día de hoxe non hai terreo cedido, nin proxecto, nin orzamento” informou Barral.
Reunión urxente
O portavoz nacionalista defende, con todo, que “aínda se está a tempo de rectificar”. Durante o pleno, Barral volveu tender a man ao Goberno local e propuxo unha reunión inmediata entre a alcaldesa, o propio portavoz e o persoal técnico municipal para analizar toda a documentación que permita facer que a Consellaría de Política Social recupere o proxecto das Saíñas.
“Non queremos que este asunto se converta nunha batalla entre partidos. Queremos que se antepoñan os dereitos das persoas maiores e o interese de Ribeira e niso van encontrarnos sempre”, afirmou. “Estamos a tempo de sentarnos, traballar xuntos e facer a residencia onde ten sentido facela e onde quere a maioría da poboación que é nas Saíñas”.
O BNG considera que Ribeira necesita unha residencia pública de maiores e que non se pode seguir adiando unha infraestrutura fundamental para o concello e para toda a comarca. Por iso, os nacionalistas reiteran o seu compromiso de seguir defendendo as Saíñas como a localización máis axeitada e reclaman ao Goberno local que abandone a vía de comezar de novo e aproveite o traballo e os recursos públicos xa investidos.
“Os nosos maiores non merecen quedar illados. Merecen gratitude, os mellores coidados e dignidade. E iso significa construír unha residencia pública accesible, ben comunicada e integrada na vida de Ribeira”, concluíu Pérez Barral.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.