Friday 22 de November de 2024

“Pendanga e oso, un espectáculo aldaolado sobre o amor” no Museo do Humor de Fene


LUCÍA ALDAO E MARÍA LADO PROTAGONIZARÁN ESTE VENRES A SEGUNDA SESIÓN DE “MÚSICA CON RETRANCA”

Tralo concerto que ofrecerán esta tarde “De Vacas” no Museo do Humor de Fene, o venres 20 de maio, ás 20 horas, subirá ao escenario da Casa da Cultura de Fene o dúo formado por Lucía Aldao e María Lado, “Aldaolado”, cun espectáculo titulado “Pendanga e oso, un espectáculo aldaolado sobre o amor”.

Das aventuras ou desventuras amorosas de cada un e de cada unha, “xorden paixóns desenfreadas, anos de martirio, cotas altas de felicidade, ansiedades varias, gozos e sombras. Dese caldo de cultivo xorden tamén os poemas que Aldaolado recitan neste espectáculo, poñéndolle moita música e moito humor ó amor máis romántico e ó amor máis miserable. Dúas poetas no escenario co corazón aberto en canal e escarallándose. Iso é Pendanga e oso, unha fábula que conta e canta o peor e o mellor do currículo amoroso da humanidade”.

Como en todo o ciclo de “Música con retranca”, as entradas para asistir á función de Aldaolado no Museo do Humor de Fene serán de balde (previa recollida de invitacións -2 por persoa- o mesmo día do espectáculo na conserxería da Casa da Cultura de Fene, a partir das 16 horas). Por capacidade do salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o aforo estará limitado a 120 persoas.

O ciclo “Música con retranca” continuará o venres 27 de maio co grupo “Os da ría”, formado por Arturito e Fabián, “dous grandes divos da música lixeira”, acompañados ao piano -no seu formato máis “Íntimo”- polo músico Susito Pián. Neste espectáculo, cheo de inxenio, humor e música, “Os da ría” lembran os seus grandes hits como “Infanta Elena”, “Caramba, que guapa estás” ou “Fernando Ónega”.

Organiza: concellería de Cultura e Ensino coa colaboración da Agadic-Xunta de Galicia (programa “Cultura no Camiño).