Gumersindo Guinarte advirte de que manter as principais instalacións deportivas da cidade cun contrato de xestión caducado impide acometer os investimentos necesarios para modernizalas e adaptalas ás demandas das persoas usuarias.
As e os socialistas reclaman coñecer os estudos encargados polo Concello para definir o futuro modelo de xestión e piden avanzar sen máis demoras na nova licitación.
Guinarte advirte de que a falta de decisións condiciona tamén proxectos de futuro como un novo complexo deportivo en Santa Marta ou a posible ampliación da lámina de auga de Santa Isabel.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, urxiu ao Goberno de Goretti Sanmartín a avanzar na definición do novo modelo de xestión de Fontes do Sar e Santa Isabel e a trasladar á Corporación os estudos realizados para preparar a futura licitación, evitando prolongar unha situación que está condicionando a modernización das principais instalacións deportivas municipais.
Guinarte advertiu de que Fontes do Sar e Santa Isabel continúan funcionando cun contrato de xestión caducado que “non permite facer os investimentos que os usuarios demandan”, desde “mellores instalacións, salas de adestramento máis modernas e mellor equipadas” ata a incorporación de “novas actividades”. Unha situación que, segundo incidiu, “non afecta só ao que temos hoxe”, senón que impide abordar retos de futuro como “valorar un novo complexo deportivo en Santa Marta dotado de piscina ou estudar a ampliación da lámina de auga de Santa Isabel”.
O voceiro socialista lembrou que o Goberno municipal formalizou en marzo un contrato de asesoramento para analizar a mellor fórmula de xestión e preparar a nova licitación, pero advertiu de que “os estudos iniciais deberan estar rematados” e, a día de hoxe, “aínda non temos coñecemento dos mesmos”, polo que reclamou ao executivo local que traslade á Corporación toda a información dispoñible e explique en que punto se atopa o proceso.
Por iso, Guinarte urxiu ao Goberno municipal a que “lle dea o pulo necesario á definición do novo modelo de xestión das instalacións deportivas” e advertiu de que “precisamos dar pasos en firme para non prolongar eternamente esta situación”, co obxectivo de ofrecer á cidadanía “unhas instalacións deportivas modernas e adaptadas ás necesidades actuais”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.