As actividades, dirixidas ao público infantil, desenvolveranse durante o mes de outubro.
O Concello volve apostar por achegar a cultura e a lectura ás nenas e nenos do municipio cunha nova edición de Outono de contos, programa que reúne seis propostas de contacontos, teatro, música e actividades creativas pensadas para o público infantil.
As sesións desenvolveranse ao longo do mes de outubro na Laracha, Caión, Paiosaco e Golmar, con espectáculos e actividades que procuran combinar diversión e aprendizaxe e ofrecer ás familias alternativas de ocio cultural adaptadas ás diferentes etapas da infancia.
A programación é a seguinte:
• Sábado 3 ás 17:00 h, no baixo da Biblioteca da Laracha: Contacontos sensorial para bebés, de Eduvía Xestión, Cultura e Lecer. Dirixido a bebés de 0 a 3 anos, será unha proposta especialmente pensada para os máis pequenos, baseada na exploración sensorial e no achegamento aos contos. A actividade ten prazas limitadas e require inscrición previa, que é gratuíta.
• Mércores 7 ás 18:00 h, na Biblioteca de Caión: Contos con miga, unha sesión de narración oral e música a cargo de Migallas Teatro, dirixida a maiores de 4 anso. A través dos contos e das cancións, a proposta aborda cuestións próximas aos máis pequenos, como a solidariedade, o consumismo, os xogos ou a lingua.
• Venres 9 ás 18:00 h, na Biblioteca da Laracha: Obradoiro de luz negra, de Trémola Teatro, para menos a partir de catro anos. A actividade permitirá experimentar coa luz e as cores a través da creación de debuxos con pinturas fluorescentes que brillan baixo a luz negra, combinando creatividade, arte e ciencia. As prazas son limitadas e é necesaria inscrición previa gratuíta.
• Xoves 15 ás 18:00 h, na Biblioteca de Paiosaco: Brinca Vai! De aquí a acolá, espectáculo musical de Paco Nogueiras dirixido a maiores de 4 anos. O músico e actor, acompañado dos seus instrumentos e da súa inseparable “Máquina”, propón unha viaxe chea de humor, cancións e baile na que teñen cabida os libros, a poesía, a ecoloxía, as festas do ano, a amizade e o respecto pola lingua galega.
• Mércores 21 ás 18:00 h, na Casa da Cultura da Laracha: Rato Pérez, espectáculo de teatro e monicreques de A Xanela do Maxín, recomendado para maiores de 4 anos. O famoso recolle-dentes terá que enfrontarse a novos retos para poder continuar coa súa misión, nunha historia que mestura maxia, comedia e acción e que tamén introduce, de maneira divertida, a importancia dos hábitos de hixiene e coidado dental.
• Xoves 29 ás 18:00 h, no Museo dos Muíños de Golmar: O cole de Lonxedetodo, contacontos de Trinke Trinke Teatro, dirixido a nenas e nenos de 3 a 8 anos. Os coñecidos Ratos de Lonxedetodo achegarán os máis pequenos ao mundo dos libros e da música a través dunha proposta lúdica e participativa, nun novo encontro cos personaxes desta coñecida colección de actividades de animación á lectura. (trinketrinke.com)
A participación nas actividades é gratuíta. No caso do Contacontos sensorial para bebés e do Obradoiro de luz negra, é necesario realizar inscrición previa debido ao número limitado de prazas. As familias interesadas poden anotarse na web actividades.alaracha.gal, así como formalizar a inscrición presencialmente na Casa da Cultura.
Outono de contos é un programa municipal organizado polo Concello da Laracha coa colaboración da Xunta de Galicia no marco do programa de dinamización da lectura Ler conta moito para a Rede de Bibliotecas de Galicia e do Departamento de Cultura da Deputación da Coruña.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.