• Máis da metade das persoas investigadoras participantes son de Carballo ou teñen raíces no noso concello
• A programación achegou a ciencia a públicos de todo tipo de idades e capacidades
A primeira celebración en Carballo da Noite Europea das Persoas Investigadoras pechou cun balance de 1.685 asistentes e a participación de 13 investigadores e investigadoras, máis da metade carballesas/es ou con raíces no municipio. Durante toda a semana, a ciencia saíu dos laboratorios e entrou nos centros educativos, o Pazo da Cultura, o Mercado Municipal e a Praza do Concello cunha programación pensada para persoas de todas as idades e as máis diversas capacidades.
Charlas, visitas a empresas, encontros con investigadores/as, teatro, música, experimentos, drons, astronomía, maxia e propostas inclusivas permitiron achegar o coñecemento científico á cidadanía dun xeito próximo, práctico e participativo.
O concelleiro de Innovación e Fondos Europeos, Iván Andrade, destacou que «os datos de participación son moi positivos, pero o máis importante é que conseguimos achegar a investigación a públicos moi diferentes e demostrar que a ciencia pode ser próxima, divertida e accesible». Andrade puxo tamén en valor «a calidade das persoas participantes e o feito de que máis da metade teñan raíces en Carballo, porque permite visibilizar o enorme talento científico vinculado ao noso concello».
Trece nomes para achegar a investigación á cidadanía
A programación contou coa participación dos historiadores e investigadores Xan M. Fraga Rodríguez, Margarita Barral Martínez e Hadrián García Pérez, protagonistas do encontro interxeracional que serviu de ponte entre as xornadas Carballo na Memoria e a Noite Europea.
Nos centros educativos participaron Edgard Camarós, especialista en paleopatoloxía e arqueozooloxía, e Cintia Folgueira, investigadora en endocrinoloxía e metabolismo celular, os dous membros da Academia Joven de España.
O CITIC da Universidade da Coruña estivo representado por Adriana Dapena, Paula Castro e Óscar Fresnedo, que achegaron ás crianzas o funcionamento dos circuítos e o uso responsable da enerxía.
Nas charlas divulgativas participaron Verónica Bolón Canedo, especialista en intelixencia artificial verde; Pablo Pita Orduna, investigador do medio mariño, e María Andrade Suárez, socióloga.
A relación complétase co xenetista Ángel Carracedo e coa directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, María Jesús Lamas, protagonistas dun concorrido vermú científico dedicado á xenética, aos medicamentos e á saúde do futuro.
Ciencia para todas as persoas
Un dos principais obxectivos da programación foi facilitar o acceso á ciencia a públicos diversos. Houbo propostas para alumnado de distintas etapas educativas, crianzas, familias, mocidade e persoas adultas, así como actividades deseñadas desde os principios da accesibilidade universal.
Neste ámbito destacou especialmente a colaboración de Cosmos Creativo, tanto cos obradoiros de manualidades astrofísicas como, sobre todo, co espectáculo Universo accesible, que achegou o cosmos a persoas con diferentes capacidades a través da luz, dos sons, dos aromas e dos elementos táctiles nunha proposta á que se sumaron usuarios e usuarias do centro de educación especial Lenda Educativa e da asociación Un paso máis.
Tamén tivo unha excelente acollida o Cine 360º e Planetario 3D, polo que pasaron máis de 250 persoas. Ante a resposta do público, o Concello de Carballo xa pode anunciar que o planetario regresará ao municipio ao longo deste curso con novas sesións.
«Na presentación do programa dixemos que queriamos converter Carballo nun gran espazo para a ciencia, e estes días demostraron que existe interese, curiosidade e ganas de aprender», sinalou o alcalde, Daniel Pérez. «A ciencia _engadiu_ chegou ás aulas, ás rúas e aos espazos públicos, fíxoo sen barreiras e situando a mocidade no centro. Este balance anímanos a seguir traballando para que a divulgación científica teña continuidade no noso concello».
O Concello agradece tamén a implicación de Nauterra–Calvo, que abriu as súas instalacións ao alumnado e compartiu a súa experiencia en materia de innovación; de Axober, que colaborou na organización das actividades tecnolóxicas e na exhibición de drons, e dos centros educativos CPR Artai, IES Alfredo Brañas e IES Isidro Parga Pondal, cuxa participación foi fundamental para achegar a ciencia á mocidade e converter o alumnado nun dos grandes protagonistas desta primeira Noite Europea das Persoas Investigadoras en Carballo.
A programación desenvolveuse no marco da Noite Europea das Persoas Investigadoras e do proxecto TALK0, financiado pola Unión Europea.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.