Monday 28 de September de 2026

O alumnado do Tahume XI mellora novos espazos públicos de Ribeira


 A modalidade de forestal focalízase agora en San Roque e Couso, mentres carpintaría continúa no Carreiro

O obradoiro de emprego Tahume XI continúa avanzando con traballos en novos espazos no municipio de Ribeira. Nos últimos días, o alumnado do certificado profesional de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes está a desenvolver diferentes traballos de acondicionamento. Entre eles destaca a preparación e limpeza dos accesos ao parque periurbano de San Roque, unha actuación que permitirá mellorar o estado e a accesibilidade deste espazo.

Os traballos forestais trasladáronse tamén ao lugar de Couso, onde os alumnos están a realizar labores de limpeza e acondicionamento de diferentes parcelas. As actuacións terán continuidade nas próximas datas, dando así seguimento aos traballos previstos nesta zona.
“Vemos a evolución deste obradoiro de emprego e os beneficios que ten para as persoas participantes ao aprenderen un oficio e, en consecuencia, mellorar as súas opcións de empregabilidade, pero tamén polo impacto positivo que ten no conxunto da sociedade ao actuar en diferencies espazos de uso veciñal”, manifesta a concelleira ribeirense de Promoción Económica, Carmen Pérez.

A pasarela do Carreiro, a bo ritmo

No ámbito da carpintaría, o alumnado avanza a bo ritmo na obra da pasarela do Carreiro; unha das actuacións nas que os participantes están a aplicar directamente os coñecementos e técnicas adquiridos durante a súa formación e que continuará durante as vindeiras semanas.

Aproveitando as boas condicións meteorolóxicas da semana pasada, realizáronse tamén traballos de reparación e pintado das mesas do merendeiro do Carreiro, contribuíndo á recuperación e mellora deste espazo de uso público.

Formación teórica e práctica

Este programa botou a andar no pasado mes de xuño cun total de 20 persoas participantes e combina formación teórica e práctica. O obxectivo é a mellora da empregabilidade das persoas dos concellos de Ribeira e O Porto do Son, onde o alumnado recibe formación no ámbito profesional de forestal e de produción de carpintería e moble.
Durante nove meses asisten ás especialidades de Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble; Actividades auxiliares en aproveitamentos forestais; Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes; e Traballos de carpintería e moble.

A maiores da formación específica de carpintería e forestal, o alumnado recibe formación en competencias dixitais, igualdade, medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego, entre outras.
O dito obradoiro conta co apoio da Consellería de Emprego Comercio e Emigración, que aporta unha achega de 546.552 euros para esta iniciativa de emprego.

Deja un comentario