O Concello de Carballo mantén aberto ata o 30 de outubro o prazo para solicitar praza na Banda Municipal de Gaitas, unha iniciativa destinada á formación musical e á continuidade dunha agrupación que participa ao longo do ano en numerosos actos e celebracións do municipio.
As persoas interesadas deberán presentar a correspondente solicitude a través do Rexistro municipal. O alumnado que xa participou en convocatorias anteriores tamén deberá formalizar a súa inscrición para o novo curso.
Entre os requisitos establecidos figura a asistencia regular e puntual aos ensaios, así como a participación habitual nos concertos, pasarrúas e demais actividades da Banda Municipal de Gaitas que se preparen durante as clases. Entre elas atópanse citas como o Programa das Letras, a celebración do San Xoán ou o Festival de Música Tradicional, entre outras.
Co obxectivo de favorecer a continuidade da formación, terán preferencia as persoas que xa participaron en cursos anteriores. No proceso de selección tamén se terá en conta a capacidade de aprendizaxe e a orde de presentación das solicitudes no Rexistro municipal.
As persoas que non obteñan praza pasarán a formar parte dunha listaxe de agarda para cubrir as posibles baixas que se produzan.
Ademais, se unha vez rematado o proceso inicial quedasen prazas libres, ou se se producen baixas ao longo do curso, poderán admitirse novas solicitudes posteriormente.
O impreso de solicitude está dispoñible en carballo.gal, na sección de avisos.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.