• Os populares rexistraron unha batería de 16 preguntas ao Gobierno sobre o estado do proxecto, os criterios para decidir a súa localización, as alternativas estudadas, o funcionamento previsto e o seu posible impacto sobre a contorna
• Os veciños queren saber se se descartou o CLT de Ledoño e se se analizou Meirama como posible emprazamento, e reclaman información sobre ruído, actividade da terminal e efectos sobre as vivendas próximas
• Izaskun García: “Os veciños teñen dereito a saber que se proxecta para a súa contorna antes de que se tome unha decisión definitiva”
A portavoz do PP de Culleredo, Izaskun García, percorreu esta mañá xunto a un grupo de veciños a zona de Souto, na parroquia de Orro, onde se estuda a posible localización da futura terminal ferroviaria de mercancías que conectará co Porto Exterior. Na visita participaron tamén os deputados nacionais Tristana Ensinanza e Álvaro Pérez, Gonzalo Trenor, vicesecretario de Organización e Territorio do PP da provincia da Coruña, e a senadora Rosa Galego, a quen os residentes trasladaron as súas principais preocupacións sobre o proxecto do Ministerio de Transportes e as cuestións sobre as que consideran necesario obter respostas, como a proximidade da infraestrutura ás vivendas, o ruído que podería xerar, o seu impacto ambiental, a posible ocupación de terreos ou as condicións nas que funcionaría a futura terminal.
García explicou que o obxectivo da visita é “escoitar directamente aos veciños afectados, coñecer sobre o terreo o que lles preocupa e seguir traballando para conseguir respostas claras” sobre un proxecto que pode ter unha incidencia importante na zona.
Ese traballo trasladouse xa ás Cortes Xerais. Os deputados populares rexistraron esta semana o Congreso unha batería de 16 preguntas ao Gobierno, mentres que a senadora Rosa Galego levará tamén a cuestión ao Senado, ampliando así as iniciativas para solicitar información sobre o futuro da terminal.
No Congreso, os populares queren coñecer, entre outras cuestións, en que punto se atopan os estudos, que emprazamentos continúan sendo analizados e cales son os criterios técnicos que se utilizarán para decidir a localización definitiva. Tamén solicitan saber cando se fará pública a documentación, que terreos se estudan en Orro, a distancia respecto ás vivendas máis próximas, cantas propiedades poderían verse afectadas e cal sería o impacto acústico e ambiental. “Queremos que se nos dea información concreta e clara sobre unha infraestrutura desta relevancia”, indicou a deputada Tristana Ensinanza, quen asegurou que “hai que saber se vai estar preto das casas, o ruído que pode xerar e como vai funcionar: cantos trens diarios pasarán, cantos vehículos pesados van circular ou se haberá actividade nocturna”. “Son preguntas ás que os veciños teñen dereito a obter resposta”, engadiu.
Entre as cuestións expostas polos veciños de Souto figura tamén o Centro Loxístico de Transportes (CLT) de Ledoño, en cuxo desenvolvemento está contemplado o uso ferroviario. Izaskun García sinalou que queren saber se esta alternativa foi descartada polo ministerio e, ademais, se se estudou como posible localización a contorna de Meirama, en Cerceda, onde existiu unha conexión ferroviaria coa antiga central térmica. “Os veciños expuxéronnos preguntas moi concretas e estamos a traballar para que teñan respostas”, asegurou García, quen insistiu na necesidade de que dispoñan de información antes de que se adopte unha decisión definitiva: “Estamos a falar dunha infraestrutura importante e de persoas que viven moi preto. Teñen dereito a saber que se proxecta, con que datos se está traballando, que alternativas se valoraron e que consecuencias pode ter para a súa día a día”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.