Monday 28 de September de 2026

O concello de Laxe aclara que o material depositado no Bañal se empregou para recuperar dous camiños que estaban intransitables


O goberno municipal explica que o material, cedido por un veciño, permaneceu depositado de maneira temporal mentres se executaban os traballos de acondicionamento dos camiños do Bañal ás Jallas e do Bañal a Reboredo, que dan acceso a máis dunha ducia de propietarios e facilitan a entrada dos servizos de emerxencia

O Concello de Laxe quere aclarar as informacións difundidas nos últimos días en relación co depósito de materiais nunha finca da zona do Bañal e explicar o destino e a finalidade dos mesmos.

Segundo explica o goberno municipal, en ningún momento se utilizou esta finca como un vertedoiro de entullos, senón que o material permaneceu depositado neste punto de maneira temporal mentres se desenvolvían os traballos de acondicionamento de diferentes camiños da zona.

O material empregado foi cedido por un veciño e aproveitouse para levar a cabo a mellora de dous accesos: o camiño do Bañal ás Jallas e o camiño do Bañal a Reboredo.

Dende o Concello destacan que ambos os camiños se atopaban nun estado que dificultaba seriamente o tránsito e que, coa actuación realizada, se conseguiu recuperar o acceso a diferentes parcelas da zona.

En concreto, estes camiños dan servizo a máis dunha ducia de propietarios de fincas, ademais de facilitar o tránsito de cazadores e o acceso de axentes ambientais.

O goberno municipal incide tamén na importancia destes accesos desde o punto de vista da prevención e atención das emerxencias, xa que permiten a entrada de brigadas contraincendios e motobombas en caso de producirse un incendio forestal na zona.

Desde o Concello de Laxe sinalan que o obxectivo desta actuación foi exclusivamente recuperar dous camiños que necesitaban unha intervención e mellorar a accesibilidade e a seguridade nunha zona rural do municipio, aproveitando para iso material dispoñible e cedido para este fin.

O goberno municipal considera necesario realizar esta aclaración ante as manifestacións realizadas desde grupos da oposición, concretamente desde o BNG, e subliña que o depósito do material respondía unicamente ás necesidades loxísticas dos traballos que se estaban levando a cabo.

O Concello de Laxe continuará desenvolvendo actuacións de mantemento e recuperación dos camiños municipais co obxectivo de mellorar o acceso ás propiedades, conservar a rede viaria rural e garantir que os servizos de emerxencia poidan acceder ás diferentes zonas do municipio cando sexa necesario.

Deja un comentario