● AJE Provincia da Coruña recoñece un ano máis o talento, a innovación e o compromiso do tecido empresarial e emprendedor da provincia.
A Asociación de Novas Empresarias e Empresarios da Provincia da Coruña (AJE Provincia da Coruña) convoca a XXVII edición do Premio Emprende #o Coruña, uns galardóns que recoñecen o talento, a iniciativa e o esforzo de empresas e persoas emprendedoras da provincia da Coruña.
Os premios, cuxas candidaturas se poderán presentar ata o venres 16 de outubro de 2026, teñen como obxectivo poñer en valor aqueles proxectos empresariais que contribúen ao desenvolvemento do tecido produtivo da provincia e que destacan por aspectos como a iniciativa empresarial, o emprendemento, a innovación, a creación de emprego ou o seu compromiso coa responsabilidade social corporativa.
Categorías e premios
O xurado da XXVII edición do Premio Emprende #o Coruña concederá os seguintes recoñecementos:
● Premio Iniciativa Empresarial 2026
● Premio Iniciativa Emprendedora 2026
● Accésit á Innovación
● Accésit á Creación de Emprego
● Accésit RSC
A través destas cinco categorías, AJE Coruña busca recoñecer diferentes ámbitos da actividade empresarial e emprendedora, poñendo o foco na capacidade de impulsar novos proxectos, xerar actividade económica e emprego, incorporar a innovación e contribuír positivamente á sociedade.
Presentación de candidaturas
As empresas e persoas emprendedoras interesadas en participar poderán presentar a súa candidatura ata o venres 16 de outubro de 2026.
Para participar, será necesario consultar as bases da convocatoria e descargar a documentación correspondente. Posteriormente, as candidaturas deberán cumprimentar a solicitude e os anexos establecidos e enviar toda a documentación a través do correo electrónico info@ajecoruna.com.
Ademais, será necesario completar o formulario de inscrición habilitado para a convocatoria.
As bases e documentación necesaria para participar están dispoñibles na seguinte ligazón:
Bases e documentación da convocatoria
O formulario de inscrición pode completarse a través da seguinte ligazón:
Formulario de inscrición
Entrega de premios
A gala de entrega dos XXVII Premios Emprende #o Coruña terá lugar o vindeiro xoves 12 de novembro de 2026, ás 19.30 horas, no Club Cámara Noroeste da Coruña.
Durante o acto darase a coñecer o fallo do xurado e farase entrega dos diferentes recoñecementos aos proxectos e empresas premiados nesta edición.
Jurado e criterios de avaliación
O xurado será o encargado de valorar as candidaturas presentadas de acordo cos criterios establecidos nas bases da convocatoria, atendendo a aspectos relacionados coa iniciativa empresarial e emprendedora, a innovación, a creación de emprego e a responsabilidade social corporativa, entre outros.
Con esta nova edición, AJE Provincia da Coruña continúa apostando polo recoñecemento e a promoción do emprendemento e do talento empresarial da provincia, poñendo en valor proxectos que contribúen ao crecemento e fortalecemento do tecido empresarial coruñés.
Para calquera consulta relacionada coa convocatoria ou coa documentación necesaria para participar, as persoas interesadas poden contactar con AJE Provincia da Coruña a través de info@ajecoruna.com.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.