Friday 25 de September de 2026

Goretti Sanmartín: “A nosa obriga e o noso empeño é que en todo momento saia auga limpa pola billa”


A alcaldesa de Santiago explicou que, dez días despois de producirse o vertido de xurro en Tordoia e tras as medidas postas en marcha para a súa contención e eliminación, existe unha “esperanza bastante fundada” de que non sexa necesario cortar a subministración de auga aos depósitos, mais as previsións meteorolóxicas dos vindeiros días poderían cambiar as previsións”. O Concello, a través da empresa concesionaria do servizo da auga, realiza un seguimento constante dos niveis de contaminación no curso do Tambre para garantir en todo momento que a auga subministrada sexa segura.

Goretti Sanmartín volveu lembrar que a auga que se está abastecendo desde a ETAP de Santiago é completamente segura para o consumo e explicou polo miúdo os parámetros que fundamentan as prevencións municipais para evitar que entre auga contaminada por mor do vertido no sistema de abastecemento.

A rexedora sinalou que abastecer auga á veciñanza cun nivel de calidade adecuada significa que non se superen os valores de seguridade en ningún parámetro e que se manteñan características organolépticas admisibles, isto é, que non teña mal olor, que non saiba raro e que non estea turbia. Neste aspecto asegurou que “cumprir unicamente a primeira destas condicións non chega, sabemos perfectamente que ninguén bebería un vaso de auga que cheirase ou soubese a algo, por moito que lle asegurasen que é auga potable”. Tamén explicou que a auga tampouco debe saír pola billa “se o cheiro, o sabor ou a cor denotase niveis altos de cloro ou doutros químicos que puidesen ser necesarios para garantir esa potabilidade”.

Goretti Sanmartín indicou que “nesta altura, cos últimos datos, temos unha esperanza bastante fundada en que non sexa necesario cortar a subministración de auga aos depósitos, mais haberá que vixiar e seguir limpando as marxes moi especialmente pola previsión de choiva que pode acabar arrastrando máis contaminación do río”. Tamén volveu lembrar que, no caso de que fose preciso cortar a subministración aos depósitos, “informaremos puntualmente porque as reservas dos depósitos, se non se repoñen, teñen unha duración estimada para 24 a 36 horas”.

Os indicadores de contaminación

Os niveis de amonio son un indicador da evolución do vertido que indica o seu avance ou do grao de dilución, mais nin é o único que se ten que ter en conta nin a súa consideración é independente da procedencia.

Segundo consta no informe técnico que elaborou a empresa prestadora do servizo municipal, enviado a Augas de Galicia, un determinado nivel de amonio nun vertido directo de xurro, recente, non se pode interpretar igual que o mesmo nivel procedente da escorrentía do terreo agrícola. No primeiro caso, o amonio vai acompañado doutra contaminación microbiolóxica que no segundo está xa filtrada e estabilizada pola permanencia no terreo durante moito máis tempo. A magnitude desa contaminación microbiolóxica no vertido de Tordoia é por agora descoñecida e por iso se estableceu o límite orientativo de 0,25 mg/l como prealerta para a auga bruta no punto de captación.

O informe tamén indica que a normativa sanitaria actual establece para o tratamento da auga non é un parámetro estático -como ocorría con normas anteriores. O paradigma normativo actual esixe un enfoque integral de avaliación dos riscos, que é o que se aplica na potabilizadora de Santiago.

Atendendo ao anterior, o que está previsto, para o caso de que a auga chegue ao punto de captación cunha concentración de amonio superior a 0,25 partes por millón, é frear a entrada nos depósitos e aplicar o tratamento a un caudal menor de auga (300 l/s), avaliar se o resultado e a súa estabilidade, é dicir, se cumpre todos os parámetros e os mantén no tempo. Se non é así, seguirá cortada a entrada de auga e repetirase a operación ata que se logren valores aceptables. Incluso se o resultado é correcto, reproducirase o proceso cun caudal maior e só se se confirma que é apta entrará no sistema. E isto de maneira continua ata que o episodio de contaminación estea totalmente superado.

“Están previstos os protocolos de actuación e garanten a seguridade en todo momento para a auga de consumo. Polo tanto, reitero, a nosa veciñanza pode estar tranquila” asegurou Goretti Sanmartín.

Tamén reiterou que “o traballo e todas as esixencias que levamos manifestado están dirixidas a garantir os estándares de calidade da auga e, engado tamén, para que o río sufra a menor afección contaminante posible, antes de chegar a Santiago, no noso territorio e tamén augas abaixo”.

Enfoque preventivo

“O enfoque foi en todo momento preventivo” sinalou a alcaldesa.

Neste sentido puxo o foco en que desde o Concello se insistiu en ter información constante para preparar o necesario e contar coa máxima capacidade de reacción por parte de todos os axentes implicados, en que se actuase canto antes e con todos os medios posibles para diminuír todas as afeccións e na coordinación segundo áreas de responsabilidade, lembrando que a conca dos ríos é competencia de Augas de Galicia.

“Sen alarmismo ningún pero con realismo e transparencia tomamos medidas preventivas e compartimos a información de que dispoñiamos e os escenarios previsibles” asegurou Goretti Sanmartín, e lembrou que foi ela mesma a que se puxo en contacto con Augas de Galicia, cos grupos municipais, co Concello de Ames, co SERGAS, como ente consumidor de auga especialmente sensible, cos medios de comunicación e coa veciñanza.

Tamén lembrou que o Concello lle facilitou ao organismo autonómico todos os datos procedentes da monitorización que aplicou a empresa prestadora do servizo municipal desde a noite do vertido e que a empresa prestadora do servizo tamén se puxo tamén ao servizo de Augas de Galicia para colaborar en todo o posible, na eliminación do vertido e no seu control.

Deja un comentario