Friday 25 de September de 2026

Ribeira camiñará no 4 de outubro a favor das familias de nenos prematuros na sétima edición da andaina solidaria


 As inscricións requiren aportación voluntaria

O Concello de Ribeira colabora coa iniciativa da Asociación Amas de Casa da sétima andaina solidaria a favor da Asociación galega de familias de nenos prematuros (Agaprem) que terá lugar no domingo, 4 de outubro, ás 10.30 horas, con saída e meta establecida na praza do Concello. No acto de presentación participaron o concelleiro de Deportes, Álex Vidal; o técnico municipal desta área, Fran Romay; e representantes de Amas de Casa: Puri Cores, presidenta; María Jesús Pérez, vicepresidenta; e Sofía Pego, promotora da andaina.

O percorrido será de 4 quilómetros de dificultade baixa co obxectivo de que sexa accesible para toda a cidadanía e o itinerario será sorpresa, polo que non se desvelará ata o propio día do evento.

En palabras do edil, este tipo de citas a través do deporte serven para dar visibilidade a distintas causas, pois “a solidariedade é a que move o mundo.”

Pola súa parte, a presidenta de Amas de Casa enxalzou que “o coidado dos nosos nenos fai o futuro.”

As inscricións realizaranse a través do whatsapp 653 333 124, do enderezo electrónico amasdecasaderiveira@gmail.com ou no stand habilitado o propio día da andaina. A aportación será voluntaria coa finalidade de recadar fondos a favor de Agaprem.

No remate efectuaranse unha serie de sorteos doados polas empresas colaboradoras e haberá avituallamento. Ademais, a música dun DJ amenizará a partida e a chegada dos asistentes. Tamén se poderá adquirir a camiseta desta andaina a un prezo de 5 euros.

Deja un comentario