Friday 25 de September de 2026

O Festival internacional de entes animados despídese este sábado de Neda co “Alex Barti show”


O VIII Festival internacional entes animados volve na súa última semana a Neda. A Casa da Cultura recibirá este sábado, a partir das 12:30 horas, a unha das compañías que, a petición dos técnicos das localidades que coorganizan o certame, repite. Así, o macedonio Alex Mihajlovski, afincado en Dinamarca, trae desta volta ao municipio o espectáculo “Alex Bart Slow”.

O gran protagonista da proposta é, como non, Mr Barti, unha marioneta cun complexo sistema de control por fíos, que saíu a escena no ano 1988 e que, dende entón non deixa de evolucionar. Comezou con nove cordas e, na actualidade, suma máis de 40 fíos case invisibles, o que lle permite mover todo o seu corpo e variar as expresións faciais, expresando sentimentos dunha maneira única neste tipo de teatro.

Trátase dun espectáculo sen palabras, con números nos que a historia e a comedia se expresan só a través do movemento, a mímica e a música. Unha proposta de balde, que desfrutarán pequenos e maiores cun artista que sorprende polo seu virtuosismo.

Alex Mihajlovski e o seu alter ego Barti xa estiveron na localidade no marco da cuarta edición do Festival de entes animados, dirixido por Plamen Dipchikov. O certame contará neste tramo final con funcións en seis localidades de Ferrolterra e máis en Miño.

Deja un comentario