Farase unha xornada de portas abertas a todos os que desexen coñecer as instalacións do Centro e escollerase ao mellor alumno deste ano
O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) realizará o próximo sábado, 21 de maio, a entrega de premios do seu I Concurso Desafío Hostaleiro, no que participan alumnos de primeiro e segundo de bacharelato. Os equipos interesados, formados por tres membros, debían converterse no comité de dirección dun hotel virtual e amosar a súa capacidade para xestionar este establecemento. A iniciativa foi posta en marcha por Turismo de Galicia para promover a oferta formativa do CSHG entre o seu público obxectivo.
Nesta xornada tamén se recoñecerá o mellor alumno do centro con base nos seus valores académicos e humanos segundo o criterio do persoal e alumnos. Tamén no marco desta celebración, o CSHG ofrecerá unha xornada de portas abertas para todas as persoas que desexen coñecer as súas instalacións e tamén se impartirá a conferencia Sector hostaleiro: motor de impulso da economía española, a cargo do economista e profesor universitario José María Gay de Liébana.
Ademais, os asistentes poderán participar en catro actividades de tipo práctico que organiza o CSHG: Escola de sabores, unha cata de chocolates; False friends, sobre as confusións lingüísticas máis frecuentes do inglés; Idea o teu restaurante, sobre como poñer en marcha un negocio; e Sabor ou marca?, unha cata organizada polo departamento de marketing.
Os actos comezarán ás 10.30 horas coa recepción de visitantes no edificio principal do centro. A continuación, ás 11.00 horas, terá lugar a conferencia de Gay de Liébana. Ás 12.30 horas continuarase co recoñecemento ao mellor alumno do centro e coa entrega de premios. Un pouco antes das 13 horas comezarán as actividades prácticas e finalizarase a xornada cunha visita ás instalacións.