Friday 25 de September de 2026

Concello e SEA dan continuidade ao traballo para facer realidade a segunda fase do parque empresarial


A reunión mantida hoxe entre o alcalde e a xerente de SEA permitiu revisar os trámites urbanísticos necesarios para avanzar no proxecto, que suporá ampliar o polígono en 337.629 metros cadrados.

O alcalde, José Manuel López Varela, mantivo esta mañá no Concello unha reunión de traballo coa xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, e integrantes dos equipos de ambas as dúas entidades para facer seguimento da tramitación da segunda fase do parque empresarial.
O encontro permitiu poñer en común o estado dos diferentes aspectos urbanísticos, xurídicos e administrativos vinculados ao desenvolvemento da ampliación, así como revisar as cuestións que é preciso continuar abordando para avanzar no proceso, realizando unha análise conxunta dos trámites pendentes e das actuacións necesarias para seguir axilizando a tramitación.
A reunión prodúcese nun momento relevante do procedemento, previamente á aprobación do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (PEOSE), e permitiu tamén abordar diferentes cuestións técnicas relacionadas coa súa tramitación e coas consideracións formuladas polas administracións competentes.
A segunda fase do parque empresarial da Laracha está proxectada sobre unha superficie de 338.629 metros cadrados, nos terreos situados entre os lugares da Torre e Samiráns. A actuación contempla un investimento previsto por parte de SEA de entre 14,5 e 15,5 millóns de euros e permitirá que o polígono supere o millón de metros cadrados de superficie total.
O proxecto nace coa finalidade de dar resposta á demanda de solo empresarial existente na zona e ampliar a capacidade do actual parque, que conta xa cunha importante implantación empresarial e cunha localización estratéxica.
O Concello considera a ampliación do parque empresarial como unha actuación de especial relevancia para o futuro económico do municipio e para o conxunto da comarca, tanto pola xeración de novas oportunidades para a implantación de empresas como pola súa capacidade para favorecer a actividade económica e a creación de emprego.
Neste sentido, o Goberno local continúa mantendo unha colaboración permanente con SEA e coas distintas administracións implicadas co obxectivo de facilitar e axilizar na medida do posible os trámites necesarios para que a segunda fase poida avanzar e converterse nunha realidade.
A reunión de hoxe dá continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos anos entre o Concello e SEA para impulsar esta ampliación, que consolidará á Laracha como un dos principais polos de actividade empresarial do eixo atlántico e incrementar a dispoñibilidade de solo industrial para atender as necesidades presentes e futuras.