A rede de Centros Socioculturais iniciará o novo curso cunha ampla programación pensada para atraer aos CSC a públicos de todas as idades e intereses. O concelleiro Xan Duro deu conta hoxe das actividades que, como é habitual, comezarán en outubro. O prazo de preinscrición estará aberto ata o 14 de setembro.
O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, explicou que o obxectivo do Concello é que os centros “sigan cumprindo unha dobre función: que sexan espazos de socialización e encontro para a veciñanza, e que faciliten o acceso á formación, á cultura e ao benestar persoal”. O edil explicou que a programación do próximo curso está deseñada “para atender a diferentes grupos de idade, con especial atención ás persoas maiores, á infancia e á adolescencia, porque iso é o que garante o dinamismo da rede e que os centros axuden a construir comunidade”.
Actividades para diferentes públicos
Na programación dos centros socioculturais para o próximo curso faise unha importante aposta polas actividades para as persoas maiores, con propostas que teñen que ver co coidado do seu benestar físico e mental e tamén con especial atención aos contidos relacionados coa dixitalización e o uso das novas tecnoloxías. Así, haberá ximnasia, programas para exercitar a mente e a memoria, actividades de promoción dos hábitos de vida saúdable, obradoiros de informática, monográficos sobre intelixencia artificial ou identificación de bulos; ou sesións para aprender a manexar mellor desde o teléfono móbil e a banca on line ata a sede electrónica do Concello de Santiago.
O mundo dixital tamén terá protagonismo nas actividades dirixidas ao público infantil e xuvenil, para o que tamén están previstas propostas relacionadas coa robótica e os videoxogos, a aprendizaxe do inglés, o apoio escolar, a cociña, o baile, ou as artes plásticas.
Ademais, no próximo curso continuarán actividades que están moi consolidadas na rede de CSCs, vinculadas ás aulas de xogo, a biblioteca municipal José Saramago, os clubs de lectura ou os grupos de teatro dos diferentes centros socioculturais. Á programación regular, con máis de 500 actividades, iranse engadindo outras actividades específicas ao longo do curso.
Os equipamentos municipais acollerán, ademais da programación organizada polo departamento de Centros Socioculturais, máis de 175 actividades diferentes impulsadas polo tecido asociativo e veciñal de Santiago.
Prazos de inscrición
O prazo de preinscrición nas actividades regulares organizadas polo departamento de Centros Socioculturais estará aberto desde hoxe, 3 de setembro, ata o próximo día 14. A preinscrición realizarase preferentemente a través da sede electrónica municipal, se ben se admitirá excepcionalmente a preinscrición presencial nos centros socioculturais de referencia para aquelas persoas que teñan dificultades para realizar o trámite de maneira telemática.
Para o 17 de setembro prevese a publicación da lista de persoas admitidas nas diferentes actividades, e nese momento abrirase un periodo de alegacións de dous días, ata o 19 de setembro. De ser necesario, realizaríase un sorteo público para a adxudicación das prazas o día 22 de setembro, e o seu resultado coñeceríase ese mesmo día. Unha vez coñecida a concesión da praza deberase formalizar o pagamento a través da sede electrónica antes da incorporación á actividade.
Toda a información sobre o programa de actividades está dispoñible na web municipal e tamén nos diferentes centros socioculturais.



