Friday 25 de September de 2026

O PSdeG esixe á Xunta e ao Concello que poñan fin ao abandono do polígono da Sionlla


Gumersindo Guinarte denuncia os graves problemas de mantemento e conservación do parque empresarial, con viais estragados, falta de limpeza e deficiencias na iluminación que afectan ás empresas e á seguridade das persoas usuarias.

Os socialistas reclaman ás dúas administracións que deixen atrás os desacordos e dean unha solución inmediata a unha situación que se arrastra desde 2022, cando Xestur deixou de asumir o mantemento do polígono.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, reclamou á Xunta de Galicia e ao Concello de Santiago unha solución inmediata aos graves problemas de mantemento e conservación que sofre o polígono da Sionlla, unha situación que se prolonga desde hai anos e que está afectando directamente á actividade empresarial e ás persoas que traballan ou acoden diariamente ao parque.
Guinarte advertiu de que “o polígono da Sionlla non pode seguir esperando máis tempo por unha solución aos graves problemas de mantemento e conservación que sofre”, cun deterioro que afecta aos viais, á limpeza e á iluminación e que, segundo incidiu, “afecta de xeito grave ás empresas e ás persoas usuarias do polígono”.
O voceiro socialista subliñou que estas deficiencias van moito máis alá da imaxe do parque empresarial, porque “cando falamos de viais estragados e sen pintar, de falta de limpeza ou de ausencia de iluminación non nos referimos a unha simple cuestión estética”, senón a problemas que “prexudican a imaxe empresarial e comercial de Santiago” e que, ademais, “supoñen un risco na seguridade de traballadores e usuarios do polígono”.
Unha situación que, lembrou Guinarte, se arrastra desde 2022, cando Xestur deixou de asumir o mantemento do parque, polo que considera que “este abandono que se leva producindo desde o ano 2022 ten que reconducirse de xeito inmediato” e non pode continuar enquistado pola falta de entendemento entre administracións.
Por iso, desde o Grupo Municipal Socialista reclaman aos gobernos da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago que “actúen con responsabilidade e prioricen os intereses e dereitos da cidadanía” para desbloquear definitivamente o problema. Guinarte advertiu de que “a solución que poña fin a esta situación impropia do parque empresarial non admite máis postergacións e desacordos” e esixiu ás dúas administracións que asuman as súas responsabilidades e dean unha resposta definitiva ás empresas e persoas usuarias da Sionlla.