· Reforzáronse as propostas de Envellecemento Activo e tamén se inclúen opcións culturais e deportivas para diferentes idades e intereses.
· As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude do 7 ao 10 de setembro.
O Concello de Bergondo pon en marcha a programación municipal de actividades para o curso 2026-2027, unha ampla proposta que reúne actividades de Envellecemento Activo, Cultura e Deporte, co obxectivo de promover o benestar, a participación social, a aprendizaxe e o lecer compartido.
A programación de Envellecemento Activo, que se reforzou este ano, ofrece ás persoas participantes diferentes alternativas orientadas ao benestar físico e emocional, á participación e á socialización. Entre as propostas figuran actividades de tecnoloxías dixitais, memoria, radio e podcast, teatro, inglés, mindfulness, xardinería terapéutica, alimentación saudable, baile e roteiros, entre outras.
No ámbito cultural e deportivo, o Concello mantén unha oferta destinada a favorecer o desenvolvemento integral, o benestar físico e mental, a saúde e a integración social. A programación incorpora actividades culturais como pandereita e coro, música tradicional, encaixe de palillos e labores e corte e confección, así como diferentes propostas deportivas.
A programación complétase con diversas actividades ao longo do ano, entre elas saídas socioculturais, roteiros por diferentes parroquias de Bergondo, marcha nórdica e actividades náuticas, alén das diferentes celebracións e encontros previstos no calendario municipal.
Unha das citas salientables será o XXV Encontro dás Persoas Maiores, que terá lugar o domingo 6 de xuño de 2027 no Pavillón de Deportes da Senra, como espazo de reencontro, convivencia e recoñecemento ás persoas maiores do municipio.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude do 7 ao 10 de setembro de 2026, a través dos formularios en liña habilitados, da sede electrónica municipal ou de xeito presencial. No caso das actividades de Envellecemento Activo, a presentación presencial poderá realizarse no Departamento de Servizos Sociais, mentres que para as actividades culturais e deportivas será na Casa de Cultura, en ambos os casos en horario de 9.30 a 14.30 horas.
Terán preferencia para acceder ás prazas as persoas empadroadas no Concello de Bergondo.



