Friday 25 de September de 2026

Neda celebra do 8 ao 10 de setembro as festas patronais na honra a Santa María


O Concello colabora coa comisión veciñal encargada da organización das celebracións, que contarán coas orquestras Costa Dorada e Trébol

Tras a Festa do Pan de Neda, que terá lugar este domingo 6 de setembro, a localidade celebrará as súas festas patronais na honra a Santa María. Será do martes 8 de setembro -festivo local- ao xoves día 10. Tres xornadas repletas de música organizadas pola comisión veciñal co apoio do Concello.

Así, os festexos arricarán o martes 8 ás 12:30 horas coa misa solemne na igrexa de Santa María. De seguido, fogos artificiais a cargo da pirotecnia local Millarengo, e sesión vermú amenizada pola orquestra Costa Dorada. A formación regresará á noite para despregar o seu repertorio na verbena.

O mércores 9 repetirase o guión, con misa solemne ás 12:30 horas, fogos artificiais e sesión vermú. Desta volta, coa orquestra Trébol, que tamén volverá subirse ao escenario nedense para protagonizar a verbena.

E xa o xoves 10, a celebración trasládase ao campo da festa de Albarón, escenario da Festa do Neno. Alí prevese unha degustación de liscos e chourizos gratis ata esgotar existencias, coa actuación de Eric Hidalgo.

O Concello de Neda pon en valor e agradece o traballo desinteresado de todos e cada un dos integrantes da comisión veciñal, e convida a veciñanza e visitantes a sumarse ás celebracións.