José Manuel López Varela deulles á benvida nesa localidade do Baixo Miño, nun acto oficial no que tamén participaron o rexedor anfitrión e a alcaldesa do Rosal.
A delegación procedente de Les Sables d’Olonne xa está en Galicia nunha nova visita que se realiza no marco do irmandamento coa Laracha. Trala viaxe en avión ata Porto, a primeira cita do programa de actos que se desenvolverá ata o martes foi a recepción oficial no Concello da Guarda por parte do alcalde dese municipio, Roberto Álvarez, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e o rexedor larachés, José Manuel López Varela. A recepción na Guarda responde á estreita relación histórica existente entre esa zona pontevedresa e A Laracha, explicada no libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño. Por parte de Les Sables d’Olonne, o grupo de 30 persoas está liderado pola presidenta do Comité de Irmandamento, Martine Girardeau, e pola concelleira de Irmandamentos, Corine Gino.
A programación continúa hoxe coa primeira das dúas etapas do Camiño de Santiago previstas para a expedición francesa. Parte do grupo realizará o percorrido entre A Guarda e Oia, mentres que as persoas que non participen na etapa contarán con alternativas de carácter cultural para coñecer diferentes lugares do Baixo Miño. Mañá realizarán a segunda etapa, entre Oia e Baiona, antes de que a delegación se desprace ata A Laracha. Un dos momentos principais será a cea de convivencia no Centro Sociocultural de Vilaño. O encontro servirá de intercambio cultural entre o coro de Les Sables d’Olonne e a Asociación Cultural Santa María de Torás, nunha velada na que a música servirá para compartir tradicións das dúas localidades e continuar estreitando os vínculos creados a través do irmandamento.
O sábado o programa levará á delegación francesa ata a Ribeira Sacra, mentres que o domingo as actividades se centrarán no termo municipal da Laracha, con percorridos por lugares destacados como o Castro de Montes Claros e o Museo de Golmar, ademais de Caión. Os que o desexen, poderán realizar a ruta Caión, porta da Costa da Morte, incluída no programa municipal A Laracha Activa.
O luns a visita continuará cunha viaxe a Santiago de Compostela e concluirá esa noite co encontro oficial de despedida antes do regreso da expedición a Francia o martes.
Esta nova visita enmárcase na continuidade dunha relación que, ao longo dos anos, permitiu que o irmandamento entre A Laracha e Les Sables d’Olonne se estendese máis alá do ámbito institucional, incorporando tamén ás entidades asociativas e á veciñanza. O programa destes días volve poñer o aceno no coñecemento directo das dúas culturas e no intercambio de experiencias como vía para manter vivo ese vínculo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.