Thursday 24 de September de 2026

O pleno acorda por unanimidade apoiar a iniciativa popular presentada por Stop Biogás A Laracha


José Manuel López Varela: “Facemos nosa a proposta. Daremos todos os pasos que estean nas mans do Goberno municipal para paralizar o proxecto da planta de Soandres”.

Hoxe celebrouse o Pleno ordinario correspondente ao mes de setembro no auditorio da Casa da Cultura. O principal asunto foi o relacionado coa iniciativa popular impulsada pola plataforma Stop Biogás A Laracha, motivo polo que representantes dese colectivo e veciños en xeral asistiron como público á sesión. Os tres grupos municipais aprobaron por unanimidade iniciar os trámites e estudos necesarios para analizar unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que prohiba a instalación de plantas ou industrias de xestión de residuos, produción de biogás ou similares en solo rústico do municipio cando exista afección a núcleos de poboación e bens do patrimonio cultural.

O alcalde, José Manuel López Varela, afirmou que o Goberno local continuará dando “todos os pasos que estean na nosa man para paralizar o proxecto de Soandres”, ao tempo que explicou que as medidas que se tomen desde o Concello deben facerse de acordo a “criterios técnicos e xurídicos”, motivo polo que expresou a necesidade de que existisen normativas de ámbito estatal e autonómico sobre esa materia. O rexedor concluíu aseverando que “facemos nosa a proposta da plataforma e gustaríanos ir a máis, pero acordamos o que xurídica e tecnicamente podemos”.

En canto ás cuestións de índole económica, aprobouse tamén por unanimidade unha modificación de crédito por importe de 356.404,06 euros que permitirá incrementar os recursos destinados a actuacións nas estradas e vías de titularidade municipal. Esta cantidade procede da baixa do crédito que estaba reservado para realizar unha amortización adicional do préstamo concedido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). López Varela detallou que “é máis lóxico destinar esa cantidade a atender necesidades que existen en lugar de amortizar un préstamo sen xuros”.

Ademais, aprobouse a Conta Xeral do ano 2025, neste caso coa abstención do grupo do BNG e o voto en contra do grupo municipal socialista. O alcalde explicou que a o documento “pasou todos os trámites correspondentes”. Trala aprobación pola Corporación, será remitida ao Tribunal de Contas.

Deja un comentario