Thursday 24 de September de 2026

O Concello de Ribeira saca a licitación o novo proxecto de iluminación da praza do Concello


 O contrato supón a instalación de seis columnas de iluminación dotadas de proxectores LED con distintas funcionalidades

A praza do Concello de Ribeira constitúe un espazo público de especial relevancia para o municipio, tanto pola afluencia que rexistra como por ser o centro neurálxico da cidade. En consecuencia, o Concello saca a licitación o reforzo da iluminación desta área para solucionar puntos que resultan escuros na actualidade, o que repercute negativamente nas condicións de visibilidade, seguridade e confort dos transeúntes. Ademais, estas deficiencias afectan á adecuada percepción e utilización da praza en horario nocturno.

Melloraranse, polo tanto, non só os aspectos anteriormente indicados, senón que tamén a eficiencia enerxética cun novo deseño máis eficaz. A Administración local considera necesaria a substitución e renovación dos elementos deteriorados de alumeado existentes, mediante a instalación de novas luminarias que permitan mellorar a uniformidade na iluminación, eliminar zonas escuras e adecuar o servizo ás necesidades actuais de dita praza, mellorando así a imaxe dunha das principais áreas e con maior tránsito de todo o municipio.

O contrato supón o subministro e instalación de seis columnas de iluminación, dotadas cada unha delas dun mínimo de seis proxectores LED, equipados coas correspondentes ópticas adecuadas ás características e necesidades do espazo. Polo tanto, combinaranse nun só dispositivo a luz branca funcional coa iluminación decorativa de distintas cores para festividades e efemérides. Estas columnas resultan dinámicas adecuándose ás distintas funcionalidades. O prazo total máximo será de dous meses.

Esta intervención enmárcase no conxunto dun plan de mellora de toda a contorna da praza do Concello, moi demandada pola cidadanía e que ven de ser dotada tamén dun actuación en materia de accesibilidade.

O orzamento base de licitación é de 65.676,63 euros, IVE incluído. As empresas interesadas dispoñen ata as 23.59 horas do 8 de outubro para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).

Deja un comentario