O Pleno Municipal acordou por unanimidade levar á Comisión de Condecoracións a proposta en recoñecemento do futbolista compostelán e organizar un acto institucional de entrega aberto á cidadanía.
A Corporación Municipal do Concello de Santiago de Compostela aprobou por unanimidade na sesión plenaria de setembro celebrada este xoves 24 unha declaración institucional para a concesión da da Medalla de Ouro da cidade ao mérito deportivo ao futbolista compostelán Borja Iglesias, como recoñecemento á súa traxectoria deportiva, ao seu vínculo coa cidade e aos valores de superación, esforzo, compañeirismo, igualdade, diversidade e inclusión que representa.
O Pleno acordou así levar esta proposta á Comisión de Condecoracións e organizar, no marco da concesión desta distinción, un acto institucional de entrega da Medalla de Ouro, aberto á cidadanía, no Teatro Principal ou noutro espazo que, de acordo coa Corporación Municipal, se considere axeitado para a celebración do acto.
Despois da recepción institucional celebrada no Pazo de Raxoi o pasado 14 de setembro para render homenaxe ao primeiro xogador galego en gañar o Mundial de fútbol, o Concello de Santiago quere valorar coa Medalla de Ouro da cidade os méritos deportivos, sociais e humanos que representa Borja Iglesias.
Así mesmo, este xesto busca reivindicar o deporte como unha ferramenta de transformación social e como un instrumento fundamental para transmitir ás novas xeracións valores de convivencia, respecto e igualdade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.