Friday 22 de November de 2024

Sogama remitiu á industria recicladora máis de 190.000 toneladas de residuos de envases


Deste total, correspondente ao período 2008-2015, 81.635 toneladas procedían da recollida selectiva do contedor amarelo, e as 110.434 restantes, do recipiente verde convencional, destinado a acoller o lixo en masa

Entre os anos 2008 e 2015, Sogama remitiu á industria recicladora 192.069 toneladas de residuos de envases. Desta cantidade, 81.635 toneladas procedían da recollida selectiva do contedor amarelo, destinado a acoller os envases de plástico, as latas e os briks; e o resto, do lixo en masa, fundamentalmente envases de aceiro e aluminio que non foron depositados previamente pola poboación no recipiente amarelo para a súa posterior recuperación, así como o vidro, que debería ser introducido no iglú verde.

Respecto ao recipiente amarelo, e tralo correspondente sistema de selección automático, a empresa pública logrou recuperar 15.032 toneladas de férricos, 769 de aluminio, 12.386 de briks e 53.447 de plástico, segundo a seguinte distribución: 7.536 toneladas de Polietileno de Alta Densidade –PEAD- ou plástico duro, 18.476 de Polietileno de Baixa Densidade –PEBD- ou plástico fino, 18.930 de Polietileno Tereftalato –PET- e 9.505 de plásticos varios ou plástico mestura.

Pola súa banda, e atendendo ao lixo en masa, introducido polos cidadáns no contedor verde convencional, conseguiu recuperar 76.052 toneladas de envases de aceiro e 2.040 de aluminio. E a partir do 2013, introduciu a recuperación de vidro, sumando entre ese ano e o 2015, 32.343 toneladas.

Incremento da reciclaxe nun mínimo do 30%
O obxectivo da entidade a medio prazo é incrementar as cifras de reciclado nun mínimo do 30%. A isto contribuirá a posta en marcha, no complexo medioambiental de Cerceda, dunha planta específica para a recuperación dos envases plásticos e de papel/cartón contidos no lixo xenérico e que tampouco foron depositados en orixe polos cidadáns nos contedores de destino, é dicir, amarelo e azul respectivamente.

De forma paralela, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Sogama intensificaran as súas campañas de concienciación social da poboación en materia de medio ambiente, e máis concretamente na xestión sostible dos residuos urbanos, para que a reciclaxe se asente na vida das persoas e a separación dos materiais se incorpore plenamente aos seus hábitos diarios. Só así será posible acadar os seus beneficios ambientais e socioeconómicos, destacando o aforro de enerxía e materias primas.

Cabe recordar que Sogama decidiu ampliar a súa infraestrutura industrial, á que destinará un investimento de 30 millóns de euros, para dar un tratamento óptimo a todos os residuos que se reciben na mesma e incrementar as taxas de reciclado. Non obstante, a axuda do cidadán tórnase indispensable para avanzar cara a unha xestión máis sostible dos refugallos. É por iso que a práctica do principio dos tres erres convértese na mellor medida: reducir a produción de lixo; fomentar a reutilización; e separar correctamente os materiais para depositalos nos contedores de destino e garantir desta forma que se volvan a converter en novos produtos de utilidade.

Pola súa banda, a planta de compostaxe industrial que a entidade levantará no vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa, e na que investirá preto de 4 millóns de euros, permitirá tratar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica procedente de grandes xeradores como centros comerciais, mercados, cárceres e hostalería, entre outros. Nesta instalación non se van procesar os desperdicios orgánicos contidos na fracción resto, dado que o obxectivo é fabricar un compost de calidade que teña saída no mercado e que aporte nutrientes ao solo e para isto ten que haber unha correcta selección da materia orgánica en orixe.