María Sampedro acusa á oposición de querer “saltarse a lexislación que rexe as sesións plenarias”
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, manifesta que o Pleno extraordinario sobre a residencia solicitado a instancia dunha cuarta parte dos membros da Corporación municipal se convocará de acordo á normativa aplicable e acusa a BNG, PSdeG-PSOE e Non Adscritos “dunha maneira nefasta de facer política ao cualificar de atropelo democrático o feito de que esteamos seguindo os cauces legais para a convocatoria do mesmo.”
A rexedora lembra que a oposición rexistrou a petición con data do 3 de setembro de 2026 e que no día de mañá se notificará a celebración do Pleno dentro “do prazo legal.” De feito, o artigo 46 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, establece que un prazo de quince días hábiles para a convocatoria do Pleno e, esgotado ese período, é o Secretario municipal quen notifica a data, que será no día 8 de outubro, ás 12.00 horas.
“Unha vez máis asistimos a como o BNG, PSdeG-PSOE e Non Adscritos demostran que eles pasaron polo Concello, pero o Concello non pasou por eles porque demostran unha falta de descoñecemento total sobre o funcionamento municipal”, sentencia Sampedro. A mandataria local refírese a que a pretensión da oposición é enredar e confundir aos veciños en vez de solucionar os problemas do municipio. “Entendo que a oposición estea nerviosa. Nun ano, Ribeira pasou dun goberno incapaz de xestionar e de chegar a acordos a un goberno que propón, desenvolve e executa proxecto”, enxalza.
A todo isto, a primeira edil apunta que xa se deron avances cara a consecución da residencia como foi atopar un novo terreo que reúna as características para a materialización desta infraestrutura. De feito, no Pleno ordinario do mes de setembro trataranse varios puntos respecto a este edificio como son a incorporación da parcela ao inventario, a mutación demanial subxectiva da parcela e a reversión do inmoble das Saíñas, onde se erixía a antiga discoteca Hesta Kurva, cedido gratuitamente á Xunta de Galicia para a construción dunha residencia de maiores.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.