Thursday 24 de September de 2026

O Concello de Fene culmina a renovación de preto de 500 táboas na pasarela de San Valentín e prepara novas melloras


A alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de servizos, Adán Chao, supervisaron os traballos realizados nas últimas semanas nesta infraestrutura

O Concello traballa xa na valoración económica da futura substitución da varanda e reclama á Xunta o mesmo compromiso coa conservación deste espazo

O O Concello de Fene vén de culminar unha nova actuación de mantemento e conservación na pasarela de San Valentín, na que durante as últimas semanas se procedeu á substitución de preto de 500 táboas de madeira, ademais da reposición e colocación de diferentes elementos necesarios para manter a infraestrutura en boas condicións de uso.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o concelleiro de servizos, Adán Chao, visitaron a zona para comprobar o resultado dos traballos desenvolvidos polo Concello e avaliar as próximas intervencións necesarias nun espazo moi utilizado diariamente pola veciñanza tanto para os desprazamentos a pé como para o paseo e o lecer.

A actuación dá continuidade aos labores de conservación que o Concello vén realizando nesta infraestrutura. Nos últimos meses xa se acometeran diferentes reposicións de táboas deterioradas e traballos de mantemento no noiro, aos que agora se suma esta intervención máis ampla, que eleva a preto de medio milleiro o número de pezas substituídas.

“Estamos falando dun espazo moi utilizado pola veciñanza de San Valentín e do conxunto de Fene e, por iso, consideramos imprescindible actuar de maneira continuada para mantelo nas mellores condicións posibles”, sinalou Sandra Permuy. A alcaldesa destacou que “o traballo destas semanas supuxo unha intervención importante, coa renovación de preto de 500 táboas, que permite mellorar tanto a conservación da pasarela como a seguridade das persoas que a utilizan”.

O Concello prepara a futura renovación da varanda

A intervención municipal non rematará con estes traballos. O goberno municipal está xa a traballar na valoración e orzamentado da futura substitución da varanda de protección da pasarela, co obxectivo de coñecer o alcance económico da actuación e poder planificar a súa execución.

“Non queremos limitarnos a resolver incidencias puntuais a medida que aparecen. A nosa intención é ir anticipándonos ás necesidades dunha infraestrutura que está moi exposta ás condicións meteorolóxicas e ao ambiente mariño”, explicou Permuy. “Por iso, ademais dos traballos que acabamos de executar, estamos estudando xa unha actuación de maior alcance sobre a varanda”, engadiu.

Reclamación á Xunta para que se implique na conservación

O Concello lembra que a conservación da pasarela é unha cuestión na que interveñen tanto a administración municipal como o servizo de Costas da Xunta de Galiza. Neste sentido, o goberno local considera que a implicación demostrada polo Concello nos últimos meses non está tendo unha resposta equivalente por parte da administración autonómica.

No caso dos accesos á pasarela, os temporais provocaron o seu deterioro ata deixalos sen condicións para seren reinstalados. Ante esta situación, Costas optou pola súa retirada definitiva, sen proceder á colocación de novos elementos que os substituísen.

“Desde o Concello estamos asumindo a parte que nos corresponde e seguiremos facéndoo porque sabemos o valor que ten este espazo para a veciñanza. Pero entendemos que ese compromiso debe ser compartido”, afirmou Sandra Permuy. A alcaldesa reclamou á Xunta “a mesma disposición para conservar e mellorar unha infraestrutura que forma parte dun dos espazos públicos máis utilizados de San Valentín”.

Permuy incidiu en que “retirar os elementos que se deterioran non pode ser a única resposta. O que precisamos é colaboración entre administracións para conservar a pasarela eevitar que vaia perdendo prestacións co paso do tempo”.

O goberno local continuará, deste xeito, co seguimento do estado da pasarela e coa planificación das intervencións necesarias, ao tempo que insta á Xunta de Galiza e ao servizo de Costas a asumir unha implicación activa na conservación dun espazo de referencia para San Valentín e para o conxunto do municipio.

Deja un comentario