Thursday 24 de September de 2026

A Xanela do Maxín recala en Ribeira co espectáculo infantil O Monstro de cores


 Esta obra de monicreques representarase o 30 de xaneiro de 2027 no Auditorio municipal

O Concello de Ribeira continúa a debullar a programación dos vindeiros meses e ven de anunciar unha nova proposta infantil e familiar para finais do mes de xaneiro. Trátase de O Monstro de Cores, da compañía A Xanela do Maxín; un espectáculo teatral de monicreques inspirado no popular libro de Anna Llenas, que busca explorar os diferentes sentimentos como a alegría, a tristeza, o medo, a ira e a calma a través das cores, a música e o xogo.

A representación terá lugar o sábado, 30 de xaneiro, Día Mundial Escolar da Paz, ás 17.00 horas, no auditorio municipal e ven precedida dun éxito de público e acollida naquelas localidades nas que a súa xira fixo parada.

Segundo indicou a concelleira de Cultura, Ana Barreiro, “esta proposta súmase a outras xa presentadas coa intención de conformar unha oferta cultural completa e atractiva para todos os públicos durante este próximo inverno no auditorio municipal”. Ademais, en palabras da edil, o espectáculo “permite afondar na educación emocional dende idades temperás a través dunha linguaxe escénica sinxela e moi visual”.

As entradas comezarán a venderse o vindeiro luns, 28 de setembro, a partir das 09.00 horas. Como xa é habitual, farase simultaneamente tanto de maneira online en www.ataquilla.com como presencial na Oficina de Atención Cidadá do Concello. Para aquelas persoas que
opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas, só con tarxeta bancaria. O prezo sitúase nos 9 euros para a venda anticipada máis gastos de xestión, e nos 10 euros se se merca na billeteira física do propio auditorio, dende unha hora antes o día da representación.

Deja un comentario