• A redacción do proxecto da senda peonil da AC-400 xa está contratada e a actuación pasa a ser prioridade 1 do Plan de Senllas
• A Xunta manterá e ampliará a rotonda de Ledoño e iluminará as tres glorietas da AC-523
• Izaskun García: “Escoitar aos veciños tamén significa converter as súas demandas en solucións”
O PP de Culleredo comezou o novo curso político impulsando dúas actuacións moi esperadas para mellorar a seguridade viaria dos veciños de Celas e Ledoño. A portavoz popular, Izaskun García, acompañada polos concelleiros Marco Antonio Pazos e Carlos Leites, mantivo unha reunión de traballo coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para abordar as actuacións pendentes nas vías autonómicas AC-400 e #AC-523.
En Celas, a conselleira confirmou que a redacción do proxecto da senda peonil da AC-400 xa está contratada e que a actuación nesta estrada pasa a ser unha prioridade dentro do Plan de Sendas de Galicia 2024-2027.
En Ledoño, a Xunta manterá a rotonda do cruzamento coa estrada de Rumbo, tal e como reclaman os veciños e defendeu o PP de Culleredo. Ademais, ampliarase para reforzar a seguridade e reducir a velocidade do tráfico. Tamén se instalará iluminación nas tres glorietas da AC-523.
“Comezamos o curso político como queremos continualo: escoitando aos veciños, traballando coas administracións e buscando solucións concretas”, sinala Izaskun García, que engade: “Hoxe Celas e Ledoño están un pouco máis preto de contar cunhas estradas seguras. É unha boa noticia, pero o noso traballo non termina co anuncio: seguiremos pendentes de cada paso ata ver as actuacións executadas”.



