Este seminario contribuíu á actualización de coñecementos dos técnicos veterinarios nunha área en constante evolución
O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Consellería do Medio Rural, ven de impartir un seminario especializado sobre Mellora Xenética en Vacún de Leite, no marco do XXI Congreso Internacional ANEMBE de Medicina Bovina, co obxectivo de asesorar e orientar da mellor forma posible ás explotacións gandeiras da Comunidade.
Cun carácter didáctico e eminentemente práctico, este seminario contribuíu á actualización de coñecementos dos técnicos veterinarios nunha área en constante evolución, onde os profesionais do sector necesitan estar ao día dos avances producidos nos últimos anos tras o establecemento das probas xenómicas, elemento que cambiou radicalmente a forma de facer a selección xenética.
Deste xeito, os profesionais que realizan a inseminación artificial -ou que asesoran ás ganderías- deben recomendar os acoplamentos idóneos para a inseminación das vacas, condicionando con esta toma de decisións o futuro das ganderías para obter os mellores animais de recría ou que vaian ser destinados á venda, para conseguir as maiores rendibilidades.
Nesta xornada interviron especialistas da Africor de Lugo e de Xenética Fontao, como centros de referencia no programa de mellora xenética da raza frisona na Comunidade, e do propio CIAM, como centro de investigación e transferencia de coñecementos a agricultores, gandeiros e técnicos do sector.
Así, abordáronse conceptos como a fiabilidade das probas xenéticas, a herdanza dos caracteres, a consanguinidade dos apareamentos, os obxectivos da selección, a correcta interpretación dos catálogos de sementais, as probas xenómicas, así como os apareamentos e os programas informáticos ou as fontes de información a disposición dos profesionais do sector. Completouse a actividade da xornada cunha visita ao Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL).